Estás en:Novas

A Deputación apoia o programa ESTALMAT da USC para o estímulo do talento matemático entre a mocidade

A deputada de Política Social e Educación, Mar García Vidal, participou hoxe na presentación da promoción 2023 xunto ao reitor da USC, Antonio López

A Deputación apoia o programa ESTALMAT da USC para o estímulo do talento matemático entre a mocidade

A Deputación da Coruña apoia o programa ESTALMAT da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para o estímulo do talento matemático entre alumnos de 12 e 13 anos.

A deputada de Política Social e Educación, Mar García Vidal, participou esta mañá na Facultade de Matemáticas da USC no acto inaugural da promoción 2023 xunto ao reitor Antonio López, a presidenta de Estalmat-Galicia e decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, a directora científica de CITMAGA, Rosa Crujeiras e o profesor Andrés Dopazo. Un total de 25 alumnas e alumnos conforman esta 16ª promoción de Estalmat Galicia.

Mar Gacía Vidal felicitou o alumnado que hoxe comeza a súa formación: "Sei que as probas de acceso non foron fáciles e que tampouco o vai  ser dedicar parte das fins de semana, fóra do horario escolar, a completar a vosa formación. Pero creo que o esforzo vai pagar a pena", afirmou.

A deputada de Educación sostivo que "na Deputación da Coruña consideramos que o investimento no noso capital humano é sempre a máis rendible" e considerou que "Estalmat é un claro exemplo, dado que o público obxectivo son mozas e mozos de entre 12 e 16 anos, cunhas capacidades especiais para unha materia como as matemáticas, que é clave para o desenvolvemento de moitas áreas, desde a tecnoloxía ao medicamento, e que por tanto é clave para a innovación e o desenvolvemento da sociedade do futuro".

Mar García lembrou que Deputación e USC mateñen desde hai anos unha estreita alianza para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca "impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento, así como axudar a descubrir e potenciar o talento da nosa xente moza ofrecéndolles oportunidades de desenvolvemento, xa desde a ESO ou o Bacharelato".