Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Paderne estudan melloras na estrada provincial que conecta Campolongo e Betanzos

Valentín González Formoso reuniuse co alcalde, Sergio Platas, que demandou nova pavimentación e a ampliación da DP-0906 ao seu paso polo núcleo de Velouzás

A Deputación e Paderne traballarán conxuntamente para dar un impulso ás obras de saneamento e abastecemento de auga no municipio

A Deputación e o Concello de Paderne estudan melloras na estrada provincial que conecta Campolongo e Betanzos

A Deputación da Coruña e o Concello de Paderne estudan melloras na estrada provincial DP 0906, un vial principal que conecta Campolongo (Pontedeume) e Betanzos, atravesando boa parte do municipio de Paderne,

O presidente provincial, Valentín González Formoso, mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Sergio Platas, na que tamén participaron o deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e o tenente de alcalde do municipio, Ángel Germade. Na reunión abordáronse algunhas cuestións prioritarias para o municipio, entre elas as melloras nesta estrada e a necesidade de mellorar a rede de saneamento e abastecemento de auga.

Nesta primeira xuntanza tras a chegada de Sergio Platas á alcaldía, o rexedor trasladou a necesidade de mellorar a seguridade da estrada DP 0906, que conecta Pontedeume, Vilarmaior, Paderne e Betanzos e que rexistra un elevado volume de tráfico diario, boa parte del pesado.

O alcalde de Paderne remarcou que se trata dunha "antiga demanda do municipio que queremos facer realidade neste mandato" e subliñou que, ademáis da renovación do firme, que se atopa deteriorado, sería necesario valorar a ampliación nalgúns tramos do vial, como o paso polo núcleo de Velouzás, co obxecto de mellorar a seguridade.

Impulso ao saneamento e abastecemento de auga en Paderne

Outro dos temas abordados durante a reunión foi a necesidade de dar un novo impulso ás obras de saneamento e abastecemento de auga no municipio.

Formoso e Platas avaliaron os resultados do Plan Único en Paderne, que supuxo investimentos por importe de máis de tres millóns de euros e a execución de 27 obras, a maior parte delas pavimentacións e mellora de camiños rurais nas diferentes parroquias, obras do ciclo da auga e de mellora do alumeado público, así como accións de recuperación de espazos públicos, como a Fonte Maceira e a súa contorna.

O alcalde anunciou a súa intención de elaborar un proxecto estratéxico que recolla a situación actual do saneamento e abastecemento de auga no municipio e por en marcha un plan plurianual de investimentos para impulsar estas obras durante o mandato 2023-2027, para o que pediu a colaboración da Deputación da Coruña.