Estás en:Novas

A Deputación e a UDC asinan un convenio para financiar actividades do centro de estudos de xénero da Universidade da Coruña

A Deputación e a UDC asinan un convenio para financiar actividades do centro de estudos de xénero da Universidade da Coruña

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento de actividades do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEFEX) da UDC. En concreto, o convenio regula o apoio da Deputación para o desenvolvemento da I Acción positiva contra a toxicidade na rede e para o programa Diálogos entre feministas.

O obxectivo do programa, que suporá un investimento de 43.750 euros financiados nun 80% pola Deputación nun 20% pola UDC, é afondar no estudo dos tipos de acoso e outras formas de violencia ás que se ven sometidas ás mulleres políticas nas redes sociais e desenvolver unha acción positiva que contribúa a visibilizar e contrarrestar este fenómeno.

Segundo explicou Soledad Agra, deputada de igualdade, "a frecuencia e virulencia desta hostilidade contra as mulleres débese entender como parte dunha loita de poder con inxerencia da ideoloxía do odio, a misoxinia e as falsas narrativas, que atenta contra a base mesma das sociedades democráticas. Neste contexto resulta preciso analizar como se articula esta toxicidade ao tempo que establecer fórmulas para revertela"

No caso da I Acción positiva contra a toxicidade en rede, ademais do estudo da conversación en liña proponse a adaptación dun chatbot -ParityBot- ao galego e castelán, o que ten unha transferencia directa á sociedade.

Segundo explican desde a Universidade "o proxecto que se presenta constitúe unha aproximación pioneira á presenza e natureza do acoso e violencia en liña contra as mulleres políticas, tanto pola acoutación de estudo -representantes da provincia da Coruña na esfera local, autonómica e nacional- como pola programación dun algoritmo que permita reverter a dita toxicidade".

Diálogos entre feministas

Diálogos entre feministas vai dar visibilidade a diversos enfoques e perspectivas respecto das temáticas e obxectos de reflexión-acción do feminismo. A partir do diálogo entre académicas, activistas e o seu carácter aberto á participación do público, búscase achegar outras correntes de pensamento que contribúan á reflexión crítica.

O Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEFEX) constitúe un centro de investigación interdisciplinario que se enmarca no contexto dos centros propios da Universidade da Coruña, un espazo de formación onde se desenvolven cursos en torno a diversas temáticas e dirixidos a distintos tipos de público, co obxectivo de ofertar contidos e formatos de gran calidade que redunden nunha mellora tanto da actividade investigadora como da práctica profesional no caso de persoas que traballan ou queren traballar no eido da igualdade. Tamén é un espazo de encontro e de diálogo en permanente contacto coa realidade social máis próxima, así como  con redes de traballo e comunicación que permiten establecer conexións con outras latitudes.