Estás en:Novas

Formoso destaca a importancia da posta en marcha do primeiro edificio da Cidade das TIC: “Este é un proxecto de país”

"Cando sumamos forzas, Galicia avanza", destacou o presidente da Deputación, que recoñeceu o papel do reitor Julio Abalde para conseguir a implicación e apoio de todas as administracións

Formoso destaca a importancia da posta en marcha do primeiro edificio da Cidade das TIC: “Este é un proxecto de país”

A Coruña acolleu hoxe a inauguración do Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, a primeira nave coa que arranca este ambicioso proxecto chamado a converterse nun dos principais polos de innovación dixital de Europa.

Ao acto inaugural asistiu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, entre outras autoridades.

Na súa intervención, Formoso destacou a importancia do proxecto para a cidade e para Galicia: "Este é un proxecto de país.", subliñou o presidente da Deputación, que sostivo que "detrás del hai un enorme esforzo económico e o compromiso de todas as administracións". "Cando sumamos forzas, Galicia avanza", remarcou.

Valentín Formoso lembrou que o proxecto "nace do impulso da Universidade da Coruña e do Clúster TIC, cun modelo que demostra que a unión fai a forza. E despois hai un compromiso do Goberno de España, da Xunta de Galicia, da Deputación e do Concello da Coruña, que sabe que con proxectos deste tipo a cidade ten un futuro distinto", sostivo.

O presidente da Deputación da Coruña subliñou que "Galicia leva tempo subida ao carro da dixitalización", un dos piares estratéxicos que promove a Unión Europea, e considerou que "este espazo é un escaparate para que a sociedade, tanto en Galicia como a nivel internacional, saiba que o talento galego pode desenvolverse aquí, non ten por que irse a outros lugares. Podemos facer tecnoloxía en Galicia", subliñou.

Recoñecemento especial ao papel de Julio Abalde

Formoso agradeceu o papel de todas as administracións implicadas na posta en marcha do proxecto da Cidade das TIC, pero tivo un recoñecemento especial para Julio Abalde, que este curso remata o seu mandato como reitor da UDC. "Julio Abalde é unha desas persoas das que Galicia non pode prescindir", afirmou o presidente da Deputación, que destacou "o difícil papel que foi conseguir que Defensa cedera este espazo, e a implicación e apoio de todas as administracións para desenvolvelo"

"Por moi difícil que soase cando o escoitamos por primeira vez, Julio tivo a habilidade de facernos entender a importancia deste proxecto", afirmou Formoso, que destacou que "persoas coma el son as que fan avanzar este país"

O novo edificio, de 5.000 metros cadrados, acollerá as empresas Imatia, cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene. Ademais, na planta inferior haberá un showroom que funcionará como espazo versátil para o deseño e formación nas últimas tecnoloxías e produtos do sector TIC galego.

O Centro de Servizos Avanzados é unha sociedade participada por Clúster TIC, UDC, Altia, Plexus, Cinfo, Imatia, Itelsis, Aldaba, ITG, Dos Espacios, VisualPublinet, Librebit e Xoia.

O CSA contará tamén con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do Clúster TIC Galicia, un de intelixencia artificial, outro de media e un de dispositivos intelixentes, así como un coworking.

Futura sede do maior plató virtual de España

A Deputación colabora tamén no proxecto da Cidade das TIC. Este foi o emprazamento elixido para situar o que será o maior estudo audiovisual virtual de España, Coruña Estudo Inmersivo (CEI).

Un emprazamento idóneo para un proxecto que será unha realidade en 2024 e conta co apoio económico do Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e suporá un investimento de preto de 8 millóns de euros

Co CEI, a Deputación aspira a conectar dous sectores tan potentes e estratéxicos para o futuro de Galicia como o tecnolóxico e audiovisual, a establecer sinerxias entre o sector público e o privado que permitan que Galicia e A Coruña sexan un referente non só en IA e dixitalización, senón tamén na industria audiovisual coa que mantén estreitos vínculos e na que, a día de hoxe, somos xa unha potencia a nivel nacional.