A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias alíanse para analizar o impacto da intelixencia artificial na sociedade actual
Ambas as dúas entidades imparten o ciclo "Intelixencia Artificial: a electricidade do século XXI", que se celebrará ata o xoves nas cidades de Santiago, Ferrol e A Coruña e contará con expertos na materia
Bernardo Fernández destaca na "as oportunidades e desafíos que conleva a irrupción da intelixencia artificial, especialmente no eido do emprego" e incide na necesidade de abordar a súa regulación legal
A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega de Ciencias organizan, ao longo desta semana, o "Curso de Intelixencia Artificial: a electricidade do século XXI" para analizar o impacto da intelixencia artificial na sociedade e a súa aplicación en diferentes ámbitos como o emprego, a industria, a saúde ou a educación.
O voceiro do Goberno provincial, Bernardo Fernández, participou esta tarde en Santiago de Compstela na presentación do programa, que contou tamén coa presenza de Alicia Estévez Toranzo, da Real Academia Galega de Ciencias, e Senén Barro Ameneiro, coordinador do curso e membro da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTIUS.
O representante provincial destacou "as oportunidades que presenta a intelixencia artificial. No campo da medicina axuda a diagnosticar enfermidades e a personalizar tratamentos, na industria optimiza a produción e automatiza tarefas, na administración pública mellora a eficiencia dos servizos e identifica patróns para predicir problemas futuros... A intelixencia demostrou ser unha ferramenta versátil co poder de transformar as nosas vidas para mellor", apuntou.
Por outra banda, Fernández fixo fincapé tamén "dos desafíos que presentan estes avances, xa que a ética, a privacidade de datos, a seguridade e, sobre todo, o impacto no emprego, son preocupacións que hoxe en día están moi presentes".
O voceiro provincial fixo mención "á nova lei na que está traballando a Unión Europea, baixo a presidencia española, que será pioneira en materia de tecnoloxía e terá un gran impacto na sociedade".
Por último quixo "agradecerlle a Senén Barro e a toda a Real Academia Galega de Ciencias a súa colaboración para levar a cabo este curso, que nos axudará a dar un paso máis cara a comprensión sobre un asunto que consideramos de grande interese social pola súa actualidade e transcendencia".
O curso celébrase este luns e martes na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago de Compostela; o mércores trasládase ao Salón de actos do Campus de Ferrol, e o xoves realizará a súa xornada de clausura no Kiosco Alfonso da Coruña.
Catro días de curso en Santiago, Ferrol e A Coruña
A programación iniciouse este luns na sede de Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago de Compostela, coa temática "Do laboratorio á sociedade".
Nesta primeira xornada abordáronse as orixes e a evolución da intelixencia artificial, cunha charla a cargo de Alberto Bugarín Diz, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e investigador do Citius; a IA e o seu impacto na sociedade desde a perspectiva europea, a cargo de Isabelle Hupont Torres, oficial científica no Centro Común de Investigación a Comisión Europea; e a investigación dos mercados por parte das IAs, a cargo de Alejandro Ramos Soto, cofundador e director científico de InVerbis Analytics.
A xornada do martes, celebrada tamén na Sede de Confederación de Empresarios de Galicia, basearase na intelixencia artificial na nosa vida, e estará presentada por Alicia Estévez Toranzo, da Real Academia Galega de Ciencias, José Manuel Chao Ardao, de Plexus Tech e Senén Barro Ameneiro, da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTIUS.
Abrirá o ciclo de exposicións Pablo Gamallo Otero, profesor titular da Área de Lingüística Xeral e investigador do CiTIUS-USC, falando das tecnoloxías lingüísticas e o Proxecto Nós. A continuación María José Carreira Nouche, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CiTIUS-USC explorará a intervención da IA no eido da saúde; e para rematar, Luis Alberto Otero González, catedrático da Área de Economía Financeira e Contabilidade da USC, relatará a relación entre a intelixencia artificial e o emprego.
O mércores o Curso de Intelixencia Artificial trasládase á cidade de Ferrol para falar da Intelixencia Artificial nas organizacións. Estarán presentando a xornada Minia Manteiga Outeiro, da Real Academia Galega de Ciencias, María Jesús Movilla Fernández e Ana Isabel Ares Pernas, da Universidade da Coruña e Senén Barro Ameneiro, da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTius.
A primeira intervención correrá a cargo de Richard J. Duro Fernández, catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, que falará "dos retos da robótica realmente intelixente". A segunda charla será impartida por Cristina Abada Salinas, directora de Negocio de Sistemas de Navantia e Pablo Fariñas Alvariño, director do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, que relatarán a aplicación da IA ao sector da construción naval. Rematará a xornada Francisco Javier Bellas Bouza, catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, explicando a relación entre educación e a intelixencia artificial, así como tamén as súas aplicacións.
Por último, o xoves o curso trasládase á Coruña, co Kiosco Alfonso como sede. O tema da xornada será a intelixencia artificial fiable e sostible, que estará presentada por José Ramón Cancelo de la Torre, da Real Academia Galega de Ciencias, Nereida M. Canosa Domínguez, do Concello da Coruña e Senén Barro Ameneiro, da Real Academia Galega de Ciencias e do CiTIUS.
Neste último día as exposicións comezarán con Verónica Bolón Canedo, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, discernindo a súa visión sobre a intelixencia artificial verde cara un futuro sostible. A continuación será a quenda para Luis de Salvador Carrasco, director da División de Innovación Tecnológica da Agencia Española de Protección de Datos, que falará da IA desde a perspectiva da regulación de protección de datos. A terceira das intervencións correrá a cargo de Carlos Francisco Ruíz de Toledo Rodríguez, da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, que comentará diferentes aspectos da Agencia Estatal de Supervisión de la IA (AESIA). Por último, pechará as intervencións Julián Cerviño Iglesias, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que expoñerá os diferentes pasos que se han seguir para regular a intelixencia artificial.
Ao remate de cada un dos días realizarase un debate de media hora, no que se poderán expoñer os diferentes puntos de vista e onde se poderán formular diferentes dúbidas sobre os temas que se van tratar.