Estás en:Novas

Bernardo Fernández e Antonio Leira destacan en Pontedeume o apoio da Deputación deporte de base

O alcalde e o deputado visitaron as instalacións do Club Naútico Firrete e da Sociedade Deportiva Eumesa

O deputado destaca que 624 entidades deportivas da provincia reciben este ano o apoio da Deputación

Bernardo Fernández e Antonio Leira destacan en Pontedeume o apoio da Deputación deporte de base

O deputado de Deportes, Antonio Leira, e o alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, visitaron as instalacións do Club Naútico Firrete e a Sociedade Deportiva Eumesa para coñecer a súa actividade e interesarse polas necesidades futuras de ambos clubs.

Ao remate da visita, subliñaron que foron "reunións produtivas, nas que  comprobamos a importancia de que a Deputación apoie ao deporte de base en municipios como Pontedeume".

No caso do Club Firrete, Leira e Fernández destacaron o palmarés dun club que xa sabe o que é subir ao alto do podio en campionatos de España, participa en competicións internacionais e conta con 145 deportistas federados nas súas diferentes categorías (12 equipos masculinos e 12 femininos), entre os que destacan promesas como Martín López, medalla de ouro no campionato do mundo junior en Auronzo (Italia).

Ademáis de colaborar na tradicional baixada do Eume, a Deputación da Coruña destinou nos últimos dous anos máis de 18.000 euros a colaborar coa entidade na compra de material de adestramento e competición, entre o que se inclúen piraguas e e kaiaks.

Bernardo Fernández e Antonio Leira asistiron tamén ao adestramento da Sociedade Deportiva Eumesa, un club de fútbol que conta con 11 equipos de diferentes categorías e 210 rapaces e rapazas nas súas filas.

A Deputación colabora tamén económicamente coa SD Eumesa para manter esta importante afección e axudala de cara a súa participación en campionatos de Liga e Copa organizadas pola Federación Galega de Fútbol, así como nas competicións locais e provinciais.