Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Vimianzo estudan a implementación de novas medidas de política social

A deputada de Política Social, María del Mar García Vidal, comprometeuse a estudar a posibilidade de ampliar o programa piloto contra a soidade posto en marcha hai un ano

Desde o concello solicitouse financiamento para a ampliación da Vivenda Comunitaria e outros servizos básicos para o municipio

A Deputación e o Concello de Vimianzo estudan a implementación de novas medidas de política social

A Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo mantiveron un encontro para avaliar e estudar a posta en marcha de novas medidas de política social.
Na xuntanza coa deputada de Política Social, María del Mar García Vidal, participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José Pose, e a técnica de Servizos Sociais do Concello, Sandra Abeijón.

Entre as cuestións abordadas, abordouse o éxito que está a ter no municipio o programa piloto para paliar a soidade non desexada nas persoas maiores. Nun municipio rural e de gran extensión demográfica, como é o caso de Vimianzo, os episodios de soidade en persoas maiores non deixan de medrar, polo que desde o Concello solicitaron a continuación no tempo deste programa, que foi de gran axuda para un importante número de persoas. Pola súa parte, o ente provincial comprometeuse a estudar esta posibilidade.

O goberno local tamén trasladou o esforzo que supón, dadas as características do municipio, levar as actividades do programa de envellecemento activo a todas as parroquias, mentres que a deputada mostrou o seu compromiso para estudar a posibilidade de conectar estes programas co Plan de Soidade: "a nosa intención é seguir apoiando, como ata o de agora, aos 82 concellos con menos de 20.000

habitantes, e buscar axuda para as persoas máis vulnerables como, neste caso, as persoas maiores, ou as persoas con diversidade funcional".

Nesta mesma liña, García Vidal asegurou que "para nós o coidado dos nosos maiores é primordial, por iso estamos estudando todas as posibilidades para intentar seguir colaborando con distintas axudas nesta materia".
Pola súa banda, a concelleirade Benestar Social, María José Pose, destacou "o inmenso labor que desempeña a Deputación no eido dos Servizos Sociais" e subliñou que "para nós é imprescindible que se manteñan estas políticas públicas de cara a protexer os dereitos dos nosos maiores".

Outras medidas de apoio

Como peche ao encontro, o Concello tamén solicitou a ampliación da Vivenda Comunitaria, xa que se trata dun espazo que está a quedar moi pequeno para os servizos que se prestan nela.

Demandouse, por último, financiamento para poder ampliar o Servizo de Axuda no Fogar, para poder levar a cabo a actividade do CIM, que conta coas instalacións precisas para desenvolver o seu labor, pero non co investimento necesario para poder realizalo. Por último, tamén se solicitou axuda para poder ampliar o servizo de transporte da Escola Infantil, que na actualidade conta cunha importante lista de espera.