Estás en:Novas

A Deputación colabora na posta en marcha da edición máis internacional de Fairway

Antonio Leira salientou a importancia de "promover prácticas responsables e sostibles no Camiño, que é moito máis ca un sendeiro ancestral; é testemuña da nosa historia"

A Deputación colabora na posta en marcha da edición máis internacional de Fairway

Antonio Leira participou na inauguración da feira, que ten á economía circular como fío conductor

Fairway vén de abrir as portas da edición máis completa e máis internacional, coa temática da Economía Circular como fío condutor do seu amplo programa de actividades. O Pazo de Congresos e Exposicións acolle unha feira na que participan máis de 80 expositores nos que están representados os Camiños de Santiago e practicamente todas as comunidades autónomas, ademais de destinos de fóra de España (Portugal, Malta, ou Xapón, entre outros).

A inauguración oficial do evento desenvolveuse esta mañá  e contou coa asistencia do deputado delegado do Camiño na Deputación da Coruña, Antonio Leira, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Os codirectores do Fairway, Ana Trevisani, Manuel Oreiro e Tono Mugico, acompañaron ás autoridades no seu percorrido polos máis de 2.000 m2 de espazo feiral para despois proceder á apertura desta cita.

Antonio Leira salientou a importancia de "promover prácticas responsables e sostibles no Camiño, que é moito máis que un sendeiro ancestral; é testemuña da nosa historia". O deputado provincial asegurou que Fairway "conforma un espazo onde intercambiar ideas" e desexou que este evento "sirva para inspirar ese cambio co obxectivo de que o Camiño perdure para futuras xeracións".

Baixo o lema Fai circular o teu Camiño, Fairway quere "pór de manifesto a importancia de desenvolver un turismo sostible e respectuoso co medio", indicou Ana Trevisani, codirectora do evento. Ademais, lembrou que esta quinta edición "é a da reactivación e consolidación definitiva do Fairway". Ao longo destes anos, o foro contribuíu "a mellorar, promover e construír unha mellor experiencia do Camiño.

Os responsables do evento realizaron un repaso polas principais actividades que se desenvolverán nestas tres xornadas e salientar o récord de participación na feira, con máis de 80 expositores, e no Workshop, con 4.150 reunións de negocio programadas entre 40 turoperadores de 16 países de máis de 100 empresas vencelladas aos Camiños de Santiago. Unha das principais novidades desta edición será a Feira de Emprego. "Era unha antiga demanda do sector e, por fin, puidemos materializala. Hoxe mesmo realizaranse preto de 200 entrevistas de traballo e orientación laboral presenciais", afirmaron.

Fairway tamén ofrecerá dúas xornadas cheas de debate e formación coas seccións de Congreso e Academy. No primeiro caso, "debaterase sobre temas candentes, como a convivencia entre veciñanza e turistas ou a taxa turística" e, no segundo, ofrecerase "formación ao sector sobre marketing dixital, novas tecnoloxías e ferramentas de comercialización", detallou Ana Trevisani.

Pola súa banda, Tono Mugico agradeceu a implicación e apoio das distintas administracións ao evento e amosouse moi satisfeito por ver "canta xente quere facer circular o seu Camiño no Fairway. Poder unir tantos esforzos é algo moi bonito". Manuel Oreiro tamén amosou o seu agradecemento a "todos os axentes implicados no desenvolvemento desta cita" e indicou que "entre todos, formamos parte desa familia que provoca que os peregrinos poidan vivir a que pode ser unha das experiencias vitais máis importantes da súa vida".

Feira de Emprego e actividades para todos os públicos no Open Day

A xornada inaugural do Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago ofrece, ademais do espazo feiral, unha Feira de Emprego -en colaboración coa Fundación Ronsel- e propostas de lecer para toda a familia dentro do Open Day.

No primeiro caso, desenvolveranse un total de 182 entrevistas presenciais: 69 entrevistas de traballo presenciais coas empresas inscritas na Feira de Emprego e outras 37 xestionadas a través da Fundación Ronsel; 43 entrevistas de orientación laboral, e 33 de autoemprego. A Feira de Emprego inclúe tamén diversas mesas redondas nas que se tratan temáticas como o emprendemento no Camiño, a selección de persoal ou o Programa Retorna da Xunta de Galicia. Ademais, haberá obradoiros para aprender como afrontar unha entrevista de traballo.

O programa do Open Day, pola súa banda, arrancou esta mañá coa saída dunha nova edición da Ruta "I Camino" para despois continuar no Pazo de Congresos e Exposicións con diversas sesións de Escape Room. Tamén regresa unha nova edición do Gastroway, con petiscos típicos das distintas comunidades polas que pasan os Camiños, que se combina cunha degustación gratuíta de Filloas de Lestedo, ofrecida pola Asociación Cultural da Filloa (Lestedo-Boqueixón), unha das novidades desta edición. Outra das novidades do Open Day é a exhibición de Pratería e Acibechería protagonizada por artesáns de Ourives de Compostela, que sorprenden ao público co seu bo facer.

Os pratos fortes desta xornada son o espectáculo de Quico Cadaval e Sole Felloza, Peregrinas do Além. Instrucións para voltar á casa quando xa morriches, e o concerto de Xabier Díaz (en formato trío). Con este último, porase o broche a unha xornada festiva chea de propostas para todos os públicos. A entrada é de balde ata completar aforo.

Workshop, Congreso, Academy e presentacións

A programación do Fairway continuará mañá e pasado, coas reunións de negocio previstas no Workshop. Ofreceranse tamén unha ducia de obradoiros, mesas de debate e redondas nas seccións de Academy e Congreso, que se combinarán con presentacións de destinos e proxectos.
Toda a información sobre o programa atópase en
 www.fairwaysantiago.com