Estás en:Novas

Asfedro abre a renovada comunidade terapéutica do Confurco tras a reforma que contou coa financiación da Deputación

O centro levará o nome do que foi presidente de Asfedro nos anos 90, Augusto Pena Maceiras (Tito Pena)

A deputada de Política Social, Mar García, enxalzou a figura de Tito Pena, "que prestou a súa axuda para que milleiros de mozos saíran do mundo das drogas"

Asfedro abre a renovada comunidade terapéutica do Confurco tras a reforma que contou coa financiación da Deputación

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou hoxe no acto de reapertura da Comunidade Terapéutica O Confurco de ASFEDRO, que desde hoxe toma o nome do que foi o presidente da entidade, Augusto Pena Maceiras (Tito Pena), falecido o pasado ano.

A Deputación da Coruña foi a primeira en comprometer a financiamento (60.000 euros) para unha actuación urxente como foi a substitución da cuberta do inmoble, que presentaba un deficiente illamento. O compromiso foi adquirido polo presidente, Valentín González Formoso, durante unha visita ao centro en 2022 e permitiu acometer distintas obras renovación do inmoble, nas que se implicaron posteriormente outras administracións.

Hoxe o centro abriu as súas portas tras obras de reforma. A deputada provincial comprometeuse a seguir apoiando a Asfedro "nas súas lexítimas demandas e no seu impagable labor na loita contra a lacra da drogadicción".

García lembrou o importante labor que desenvolveu a entidade ferrolá nos seus case 40 anos de actividade, nos que loitou contra as drogas e axudou a milleiros de persoas da comarca a superar as súas adicións. "É para min unha enorme satisfacción compartir con todos vós a admiración e o orgullo por unha entidade que leva case 40 anos axudando a milleiros de persoas a combater as consecuencias do consumo de drogas", afirmou Mar García Vidal.

Lembrou a obriga da sociedade galega de recoñecer este labor encomiable e de apoiar con todos os medios este traballo que, "lamentablemente, aínda é moi necesario polo aumento do consumo de sustancias estupefacientes", apuntou.

Segundo a deputada, un dos piares deste traballo formidable é o seu programa residencial de deshabituación que ten unha duración mínima de 6 meses, que se leva a cabo na comunidade terapéutica do Confurco.

Esta antiga construción militar, reconvertida a comezos dos 90, leva a cabo unha serie de intervencións educativas: orientadas ao reforzo e a capacitación a nivel individual e colectivo. Habilidades sociais, resolución de conflitos, programas de incorporación laboral, educación para a saúde, intervencións psicoterapéuticas, laborterapia: fomentando os coidados, responsabilidades, obrigacións, a través del traballo no campo, e moitas máis.

Augusto Pena Maceiras "Tito Pena"

A deputada recoñeceu a traxectoria de Augusto Pena Maceiras, Tito Pena, que desde hoxe dá nome á comunidade terapéutica.

"Este espazo tan importante para a comarca homenaxea a unha persoa que durante moitos anos estivo ao fronte desta entidade. Unha persoa librou centos de batallas e que axudou a moitas persoas na súa propia loita contra as drogas. Plantou a semente do que hoxe é a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro)".

"Un veciño de Caranza que nos anos 70 comezou unha cruzada que hoxe aínda segue vixente. Tito Pena foi unha figura fundamental non só nesta en Ferrolterra, senón en toda Galicia. Desde a Deputación queremos lembrar o seu traballo ao fronte de Asfedro, a súa longa loita contra as drogas, e a súa axuda a milleiros de mozos e mozas que caeron nesta lacra sen ningún tipo perspectiva de futuro. Coa axuda de Tito moitos e moitas tiveron de novo un futuro por diante", rematou a deputada de Política Social da Deputación.