Estás en:Novas

A Deputación financia con 122.936€ o fomento da educación, a investigación e as actividades culturais e científicas da USC

A entidade provincial asinou un convenio coa USC para subvencionar a Programación para fomento da educación, a investigación, a transferencia de coñecemento e as actividades culturais, artísticas e científicas no ano 2023

Na sinatura do acordo participaron a deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, e o reitor da USC, Antonio López

A Deputación financia con 122.936€ o fomento da educación, a investigación e as actividades culturais e científicas da USC

A deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades polo que se instrumenta unha subvención por un importe de 122.936€ para o cofinanciamento da Programación para fomento da educación, a investigación, a transferencia de coñecemento e as actividades culturais, artísticas e científicas no ano 2023.

O convenio contempla seis liñas de actuación: apoio aos programas de detección e captación de talento; apoio á programación cultural; apoio a congresos e seminarios; programa Camiños de Coñecemento e Experiencia (IV Ciclo); investigación histórica sobre as vivendas sociais para mariñeiros, e apoio ao congreso do grupo de investigación Histagra.

A Deputación financia, así, o 80% do programa, colaborando no cumprimento dos obxectivos da USC da impartición de docencia, promoción da investigación científica e técnica e a transferencia do coñecemento, cun convenio que se enmarca no seu compromiso de fomentar a educación e as actividades culturais, artísticas e científicas, para contribuír ao avance do coñecemento e o benestar social.

Esta colaboración súmase a outras moitas que se desenvolven entre a Deputación e a USC, como o financiamento da programación cultural, artística e científica da USC dende o 2016, ou o apoio ao Proxecto ESTALMAT – Galicia para a detección e estimulación do talento matemático en alumnado entre os 12 e os 15 anos.