Estás en:Novas

Aberto o prazo para inscribirse na Campaña da Neve da Deputación da Coruña para o ano 2024

Antonio Leira anuncia que a campaña de esquí desenvolveranse entre o 12 de xaneiro e o 19 de febreiro na estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias

Participarán un total de 600 nenos e nenas de toda a provincia

As persoas interesadas poderán presentar no seu Concello a ficha de inscrición antes do 1 de decembro

Aberto o prazo para inscribirse na Campaña da Neve da Deputación da Coruña para o ano 2024

A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 12 de xaneiro e o 19 de febreiro de 2024, diversas viaxes á estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias) para impulsar a práctica do esquí entre a mocidade de 11 a 15 anos de idade dos municipios coruñeses. Poderán participar un total de 600 nenos e nenas de toda a provincia, que se repartirán en seis quendas de catro días de duración cada unha.

Con esta campaña, a institución provincial pretende "que os rapaces e rapazas da provincia da Coruña poidan iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario", indicou o deputado de Deportes, Antonio Leira.

As viaxes terán un custe de 85 euros e inclúen transporte, estadía de catro días na estación de Valgrande-Pajares, clases de esquí, monitores, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados. Terá prioridade na inscrición a rapazada que nunca fora a ningunha campaña de neve da Deputación.

Desde a institución provincial recoméndase aos e ás asistentes que leven consigo gorro, luvas, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, roupa de rúa e deportiva, chuvasqueiro, mochila pequena, útiles de aseo, pixama e crema solar.

Inscrición aberta nos concellos ata o 1 de decembro

Os interesados e interesadas en participar deberán presentar no seu concello a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titores do solicitante, fotocopia da tarxeta sanitaria e do carné de identidade e copia do aboamento da cota de inscrición (unha vez a praza estea confirmada).

O prazo para apuntarse xa está aberto e remata o 1 de decembro de 2023.

No caso de que se soliciten máis prazas das dispoñibles, os concellos sortearán estas entre os e as solicitantes.

A ficha de inscrición e toda a información correspodente á Campaña de Esquí 2024 pódese descargar da páxina web da Deputación da Coruña

https://dacoruna.gal/files/9316/9944/7612/Ficha_de_inscricion_Campana-Neve_2024.pdf

Quendas

As quendas por concellos desenvolveranse nas seguintes datas:

 

1ª QUENDA

(do 12/01/2024

 ao 15/01/2024)

 

Arteixo, Cabre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada

 

 

2ª QUENDA

 

(do 19/01/2024

ao 22/01/2024)

 

Ares, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño

 

3ª QUENDA

 

(do 26/01/2024

ao 29/01/2024)

 

Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas

 

4ª QUENDA

 

(do 2/02/2024

ao 5/02/2024)

 

Boiro, Brión, Dodro, Lousame, Mazaricos, Muros, Negreira, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois

 

5ª QUENDA

 

(do 9/02/2024

ao 12/02/2024)

Ames, A Baña, Boqueixón, Ordes, Oroso, O Pino, Santiago de Compostela, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra

 

 

6ª QUENDA

 

(do 16/02/2024

ao 19/02/2024)

 

Abegondo, Aranga, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Cabanas, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Miño, Monfero, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, Santiso, Sobrado, Toques, Vilarmaior e Vilasantar