Estás en:Novas

Conclúen as accións formativas no marco das Guías “Integra o Xénero” para a transversalización do principio de igualdade de xénero nas políticas públicas

O proxecto das Guías "Integra o Xénero", no que se enmarcan as accións formativas do persoal técnico da Deputación e dos Concellos da provincia, forma parte das medidas de actuación recollidas en "Compartimos Plan", o Plan de Igualdade da Deputación da Coruña, en vixencia para o período 2019-2023

Conclúen as accións formativas no marco das Guías “Integra o Xénero” para a transversalización do principio de igualdade de xénero nas políticas públicas

A Deputación da Coruña ven de publicar o pasado 16 de novembro a colección de Guías "Integra o xénero" para a transversalización do principio de igualdade de xénero nas políticas públicas. Con esta colección de guías búscase dotar ao persoal técnico da Deputación e dos Concellos da provincia de ferramentas útiles, prácticas e de fácil manexo, na que se recollen pautas, recomendacións e recursos prácticos e modelos tipo para incorporar a perspectiva de xénero dun xeito transversal desde as diferentes áreas e departamentos das Administracións públicas.

Poden ser consultadas no apartado de igualdade. A colección está conformada, inicialmente, polos seguintes tres títulos: "Guía básica de recomendacións sobre a integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas", "Guía de apoio para o establecemento de cláusulas de igualdade", e "Guía para a integración da perspectiva de xénero no emprego e na formación".

De forma complementaria, acompañando aos contidos das guías, desenvolvéronse seis accións formativas. Para cada unha das guías realizáronse dúas accións formativas, unha en modalidade presencial na Sala Juan Gallo da Deputación da Coruña e unha en modalidade online, cunha duración de 2h cada unha delas, en horario de 11:30h a 13:30h.

Así, os días 24 e 26 de outubro desenvolveuse a "Acción formativa básica de recomendacións sobre a integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas", asistindo un total de 63 persoas, 34 en modalidade presencial e 29 en modalidade online; os días 2 e 3 de novembro, a "Acción formativa de apoio para o establecemento de cláusulas sociais de igualdade", participando un total de 46 persoas, 16 na modalidade online e 30 na modalidade online; e os días 7 e 9 de novembro a "Acción formativa para a integración da perspectiva de xénero no emprego e na formación", asistindo un total de 35 persoas, 9 en modalidade presencial e 26 en modalidade online. En total, participaron nas accións formativas 144 persoas, das cales un 84,8% foron mulleres.

Con estas formacións buscouse formar ao persoal técnico coas ferramentas que en cada unha das guías se recolle, co obxectivo de que poidan incorporalas ao desempeño das súas tarefas nas diferentes áreas e departamentos das Administracións públicas ás que pertencen. Para isto, as formacións desenvolvéronse dunha forma eminentemente práctica, con exemplos e actividades en base a supostos prácticos que se dan no desenvolvemento cotiá dos labores do persoal técnico.