A Deputación duplica o seu apoio á Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC)
As axudas da Deputación para soster o servizo de atención terapéutica ás persoas con trastornos de alimentación pasaron de 20.000 a 40.000 euros anuais nos últimos anos. A demanda incrementouse tamén de forma notable.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou hoxe a sede de ABAC no Barrio das Flores para interesarse pola súa actividade e coñecer as súas necesidades
Ofrecen axuda a 160 persoas e as súas familias no tratamento dos trastornos alimentarios
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou hoxe a sede da Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC), onde se reuniu coa directiva da entidade para coñecer o traballo que desenvolven e as súas necesidades.
ABAC é unha das 273 entidades sociais da provincia que contan co apoio da Deputación da Coruña para financiar os seus programas sociosanitarios, terapias de rehabilitación e inserción sociolaboral ou mellorar as súas instalacións.
No caso de ABAC, a Deputación financia desde hai case dúas décadas o servizo de intervención terapéutica a persoas con trastornos alimentarios, cunha achega económica que se incrementou nos últimos anos, pasando de 15.000 € ao ano a preto de 40.000 euros anuais en 2020, 2021, 2022 e 2023.
"ABAC atende a 160 persoas e as súas familias e conta cunha lista de espera que non para de medrar. A cifra de persoas con trastornos alimentarios que demandan axuda de ABAC multiplicouse nos últimos anos e a colaboración da Deputación coa entidade tamén", explicou Mar García Vidal ao termo da reunión, na que destacou "o gran traballo" que fai ABAC.
O 90% das persoas ás que ofrece apoio ABAC son da área metropolitana da Coruña e as súas idades oscilan entre os 11 e os 65 anos. Segundo explicaron os responsables da entidade, os trastornos alimentarios estanse vendo cada vez máis en persoas máis maiores e do xénero masculino.
Ademais da actividade terapéutica das persoas con trastornos da alimentación, ABAC ofrece apoio e asesoramento ás familias dos afectados e afectadas, así como o seguimento individualizado dos casos posterior ao tratamento.
Entre as principais demandas de ABAC está poder dispor dun espazo máis amplo e adecuado para poder ofrecer os seus servizos, xa que a demanda medrou exponencialmente nos últimos anos.