Aberto o prazo para participar no V Premio Luisa Villata a proxectos pola igualdade
Contempla un orzamento total de 100.000€, con 12.500€ para cada un dos 8 proxectos premiados. O prazo de presentación remata o 28 de decembro
O obxectivo desta iniciativa é fomentar a igualdade de xénero a través de proxectos de diferente índole que procuren a visibilización da muller no campo social e cultural
Hoxe ábrese o prazo para presentar as candidaturas ao V Premio Luisa Villata a proxectos pola igualdade. Un certame organizado pola área de igualdade da Deputación, que conta cun orzamento de 100.000€ a repartir entre os 8 proxectos premiados, recibindo cada un o importe de 12.500€. O seu obxectivo é fomentar a igualdade de xénero mediante proxectos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres e/ou contribúan ao avance na aposta pola igualdade de xénero, a loita contra a violencia de xénero, a diversidade sexual e interseccionalidade.
Os proxectos presentados poden ser de calquera dos diferentes campos artísticos (música, literatura, escena, imaxe, arte urbana...), e de sensibilización, educación, empoderamento ou investigación, entre outros. Os traballos procurarán a visibilización da muller no campo social e cultural, empregando a lingua galega e unha linguaxe con perspectiva de xénero.
Esta iniciativa enmárcase no compromiso da Deputación co desenvolvemento de políticas e iniciativas que contribúan ao avance social na igualdade de xénero, verdadeira necesidade -e ao tempo, motor de transformacións- cara á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática.
En homenaxe a Luísa Villalta – destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario e do activismo e compromiso social coa transversalidade e o enfoque de xénero na súa escrita, a prol da loita pola igualdade real e o apoderamento das mulleres – e co obxectivo de divulgar a súa obra e figura, a área de igualdade convoca esta nova edición do Premio "Luísa Villalta" a proxectos pola igualdade.
As bases da convocatoria poden consultarse neste enlace.