Estás en:Novas

Unha publicación xunta as biografías de corenta mulleres destacadas da cultura galega

A publicación Corenta mulleres tecendo xuntas recompila as biografías de figuras destacadas do país, como Constanza de Castro, a filla rebelde do mariscal Pardo de Cela; a modista e emprendedora Rosalía Mera; a cantante María Valverde, ou a futbolista Irene González Basanta.

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e mais Carme Adán, coordinadora do libro xunto con Montse Fajardo, presentaron esta a iniciativa.

A obra, editada grazas a un convenio entre o CCG e a Deputación da Coruña, xa está dispoñible para a súa descarga.

Unha publicación xunta as biografías de corenta mulleres destacadas da cultura galega

"Decidimos escolmar corenta mulleres, unha por cada ano do Consello da Cultura Galega. É unha celebración para pechar este ano lembrando que a cultura galega sempre tivo mulleres, aínda que moitas veces temos que rabuñar para atopalas e ver as súas pegadas", explicou Carme Adán durante a presentación. Ademais, salientou o traballo de "recuperación da biografía, dos feitos e dos pensamentos das mulleres", un labor que demostra "os silencios que hai na cultura e na historia a respecto de todo o logrado polas mulleres".

Pola súa banda, a deputada Soledad Agra destacou que "neste libro hai un compendio de igualdade e lingua, dúas áreas fundamentais para seguir sacando da invisibilidade todas as referencias femininas que temos en Galicia e que non estiveron nos libros de texto da nosa literatura e da nosa historia". Así mesmo, puntualizou que a obra "fai unha descuberta de mulleres que estaban realmente invisibilizadas", aspecto sobre o que tamén chama a atención Montse Fajardo no limiar da publicación. "Optamos por aqueles nomes, de distintas épocas e temáticas, que puidesen ser máis descoñecidos ou, tamén, que ficasen inxustamente ligados á parcial etiqueta de esposas ou exesposas de", afirma Fajardo.

A obra inclúe corenta figuras, como Olga Gallego, que recompilou as vivencias das ourensás do Antigo Réxime; María Reguera, afeccionada á paleografía e firme defensora das mulleres no ensino, ou Teresa Vaamonde, que ingresou no corpo arquivístico durante a II República e, logo, durante a ditadura, viuse obrigada a renunciar ás súas ideas para non ter que abandonar o seu traballo. Réndese tamén homenaxe a figuras pouco coñecidas como Nicolasa Añón, campesiña analfabeta que chegou a ver recollidos os seus versos nun libro; Clara Corral Aller, poeta que publicou en galego no século XIX, ou Emilia Calé, que nese mesmo século traballou como xornalista.

Así mesmo, no libro recóllense as biografías de pioneiras nas artes plásticas, como Dolores Rodeiro, tallista de imaxes relixiosas en madeira e primeira muller que obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña en 1881. Hai tamén deportistas, como a futbolista Irene González Basanta, precursora na práctica do fútbol non só en Galicia, senón no mundo durante os anos vinte. Outra pioneira que se recolle nesta publicación foi Constanza de Castro, que en pleno século XV, cando nin América existía aínda para Europa, logrou exercer un importante dereito para as mulleres: a disolución do seu primeiro matrimonio.
Todas as biografías que se inclúen nesta publicación forman parte do Álbum de Mulleres, que hoxe está incorporado no Álbum de Galicia, e reprodúcense íntegras no libro impreso, que inclúe tamén un código QR co fin de facilitar o acceso ao repositorio web para consultar documentos, ligazóns, vídeos e outros materiais.

Xénese do proxecto
A edición deste volume é a primeira acción dun acordo asinado o pasado 17 de abril pola presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a deputada provincial de Igualdade, María Muíño. Esta alianza busca promover a realización de actividades de carácter cultural, especialmente seminarios, exposicións e encontros, que permitan analizar o papel das mulleres na historia e na cultura galegas.