Estás en:Novas

A Deputación financia con 110.000 euros a programación cultural e de divulgación científica da UDC

Ambas as dúas institucións cofinancian a través deste acordo xornadas, obradoiros creativos, cursos, exposicións, residencias artísticas, o coro da UDC ou ciclos de música e cinema, entre outras actividades

A Deputación financia con 110.000 euros a programación cultural e de divulgación científica da UDC

A Deputación da Coruña destina un total de 90.000 euros para financiar a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico da Universidade da Coruña no 2023.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada de Cultura, Natividad de Jesús González Rodríguez, e o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, asinaron o convenio de colaboración, que contempla diferentes liñas de actuación prioritarias na difusión da cultura na provincia. O orzamento total ascende a 137.500 euros, un montante do que a Deputación achega o 80%.

Formoso destacou que, con este apoio, a Deputación contribúe a manter unha programación cultural de calidade e un calendario de actividades de divulgación científica para o alumnado da institución académica coruñesa.

Natividad González, pola súa parte, salientou a importante labor de promoción cultural da UDC, "que coincide co compromiso da Deputación en poñer en valor a creatividade, talento e as diferentes propostas culturais do país".

Dentro deste ciclo de actividades financiadas pola Deputación inclúese A First Lego League 2023, un programa de ámbito internacional que desafía á mocidade a resolver problemas do mundo real como a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables a través da ciencia e da enerxía.

O convenio inclúe tamén unha serie de obradoiros creativos en diversos ámbitos da arte e da cultura e as aulas de teatro e danza, o club de lectura, de carácter mensual, guiado pola poeta Estíbaliz Espinosa e comprende, por outra banda, residencias, que teñen como fin apoiar proxectos de investigación e creación nos ámbitos do teatro, a escritura dramática, a danza, a música ou as artes visuais, entre outros. Deste xeito ofrécese aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para o desenvolvemento das súas iniciativas.

A tenor disto, volve a convocarse a residencia de creadores emerxentes "Interaccións Artísticas en Galicia", a través dun convenio no que a Deputación colabora xunto á RAG de Belas Artes, Os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e de Vigo e as tres universidades galegas.

Ademais unha nova Convocatoria do Programa de Residencias Artísticas Normal – Fundación María José Jove, que xa van pola terceira edición. Estableceranse dúas residencias, proporcionando ás persoas seleccionadas o acceso a un espazo de traballo e os recursos necesarios para a produción de proxectos audiovisuais.

Á súa vez, tamén se cofinancian o coro da UDC, creado no 1990, e exposicións en Normal, que este ano contou con dúas grandes mostras: "Derrotas: formas de pensar" e "Ante a inminencia". No programa tamén se inclúe o financiamento de dúas publicacións como "A Galicia deseñada" e "Universo Cantigas" e outras actividades fixas e puntuais como poden ser accións polo Día das Letras Galegas, ciclos de música e cinema ou rutas singulares de carácter histórico sobre a cidade de Ferrol e figuras como María Casares.