O Plan Único da Deputación financia as obras de recuperación da Praza da Capela, no Concello de Carral
O orzamento das obras, en fase de licitación, ascende a 167.000 euros, dos que a entidade provincial achega o 80 %
O proxecto pretende humanizar unha das prazas máis concorridas de Carral, aumentando a superficie dispoñible para os peóns.
O Plan Único da Deputación da Coruña financia as obras de recuperación da praza da Capela, no Concello de Carral. As obras, que están en licitación ata o 7 de xaneiro de 2024 na Plataforma de Contratación do Estado, suporán un investimento de 167.695 euros, dos que a Deputación achega o 80% (149.688 €) e o Concello de Carral o 20% restante.
A actuación pretende recuperar o espazo urbano da praza e o seu ambiente, propiciando unha mellora cuantitativa e cualitativa da mobilidade peonil mediante o aumento da superficie dispoñible, ademais de introducir pequenas zonas verdes e unha iluminación que favoreza a inclusión na paisaxe.
Aumentarase a superficie de preferencia peonil, favorecendo a mobilidade, en detrimento do longo da calzada e a supresión das prazas de aparcamento en liña. Tamén se pretende suprimir a diferenza de nivel existente entre a vía que atravesa a praza e a zona de tránsito peonil procurando unha mellora da accesibilidade.
Outra das execucións consistirá en desprazar a marquesiña e a parada do autobús para gañar superficie adicional, engadindo elementos vexetais e mellorando as zonas verdes existentes. Por último, introduciranse elementos ornamentais que completarán o novo ambiente urbano da praza.
Con esta actuación humanizarase unha das prazas de máis tránsito peonil da localidade, facilitando a circulación á vez que se crea unha paisaxe en consonancia coa contorna.