Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 684.000 euros en axudas aos barcos de cerco dependentes da pesca do xurelo

Formoso ínstalle á Xunta de Galicia habilitar axudas ao sector: "Sería inxustificable que a Deputación da Coruña, sen competencias en pesca, estea apoiando o sector nun momento tan duro mentres a Xunta, cunha consellería do Mar, orzamento e competencias permaneza de brazos cruzados".

As embarcacións de cerco dependentes da pesca de xurelo con porto base na provincia recibirán axudas de ata 16.000 euros

A Deputación da Coruña destina 684.000 euros en axudas aos barcos de cerco dependentes da pesca do xurelo

Foto (arquivo): Reunión de Valentín González Formoso cos representantes das asociacións do sector pesqueiro do cerco

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases dunha nova liña de axudas destinadas a apoiar á frota de cerco da provincia dependente das capturas do xurelo.

As axudas, cun orzamento de 684.000 euros, busca apoiar a un sector fundamental da economía coruñesa, como é o da pesca artesanal, e en concreto ás embarcacións especialmente afectadas polas restricións nas capturas e os paros na pesquería do xurelo, tras a redución por parte da Unión Europea dun 78% das cotas de pesca desta especie durante 2023, que só pode capturarse como pesca accesoria.

Con estas axudas, a Deputación da Coruña cumpre o compromiso anunciado o pasado mes de marzo de apoiar a flota pesqueira da provincia afectada polo peche da pesquería do xurelo, tras a reunión que mantivo o presidente, Valentín González Formoso, con representantes da Federación Galega e Provincial de Confrarías de Pescadores, Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Asociación de Cerqueiros Galegos, Cooperativa de Armadores de Ribeira e Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA).

"O 62% da frota de cerco galega ten o seu porto base na provincia da Coruña e ante os graves problemas que atravesou este ano o sector debido ao peche na pesquería dunha especie fundamental para o cerco coruñés como é o xurelo, a Deputación quere estar ao seu carón e apoiar a viabilidade da nosa frota, que sostén un número importante de empregos directos e indirectos", afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

Formoso reclamoulle á Xunta de Galicia, que ten a competencia en materia de pesca, que habilite tamén liñas de axudas para sectores que atravesan situacións complicadas como esta con fondos propios. "Sería inxustificable que a Deputación da Coruña, sen competencias en pesca, estea apoiando ao sector nun momento tan duro mentres a Xunta, cunha consellería unicamente para o sector do mar, orzamento e competencias permaneza de brazos cruzados".

Ademais, o presidente subliñou que os orzamentos 2024 incrementan nun 29% as axudas que a Deputación da Coruña destina cada ano ás confrarías de pescadores da provincia, pasando de medio millón de euros a 661.000 euros.

Valentín González Formoso lembrou que nos últimos tres anos, a través de distintos plans PEL-Reactiva, a Deputación da Coruña leva concedidas máis de 5.000 axudas directas por importe de 21 millóns de euros aos sectores máis afectados pola pandemia e a alza dos combustibles, entre eles o propio sector pesqueiro, o agrogandeiro, o do transporte, a hostalaría, o pequeno comercio e incluso o sector das orquestras.

55 buques en 10 portos pesqueiros da provincia poden optar ás axudas

Poderán optar a estas axudas os/as armadores/as titulares de buques que levan a cabo a actividade pesqueira de cerco, dependentes da pesca de xurelo, con porto base na provincia da Coruña. Os buques especialmente dependentes da captura do xurelo, susceptibles de acceder a estas axudas, detállanse nunha resolución da Secretaría Xeral de Pesca publicada no BOE o pasado 10 de febreiro de 2023 (https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2023-4312).

Segundo esta resolución, que ditamina os buques especialmente dependentes da pesca do xurelo (aqueles nos que o xurelo represente un 18% ou máis do total de capturas comercializadas durante os anos 2020, 2021 e 2022), un total de 55 embarcacións de dez portos pesqueiros da provincia poderán acceder ás axudas da Deputación: 13 en Camariñas e 13 en Malpica, os portos con maior flota dependente do xurelo, 8 en Sada, 7 en Portosín, 4 en Pontedeume, 3 na Coruña, 3 en Ares, 2 en Laxe, un en Cariño e un en Ribeira.

As axudas oscilarán entre os 2.500 e os 16.000 euros, en función do arqueo bruto de cada buque. Os gastos que se financian son gastos correntes do/a armador/a que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento da actividade pesqueira.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o vindeiro mércores, 27 de decembro, tras a publicación da convocatoria no BOP do martes 26, e finalizará transcorridos dez días hábiles.

Unha vez máis, a Deputación da Coruña pon en marcha medidas para minimizar os efectos socioeconómicos desfavorables para o territorio, contribuíndo deste xeito á reactivación económica da provincia, sen deixar a ninguén atrás, neste caso impulsando axudas ante a urxente necesidade de apoiar ao noso sector pesqueiro, en concreto ao cerco, maioritario na provincia.

As bases da convocatoria poden consultarse en:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/12/19/2023_0000009905.html