A Deputación apoia con 100.000€ o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
O vicepresidente Xosé Regueira asinou esta mañá un convenio coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar)
A entidade provincial financia o 70% do importe total deste proxecto que pon en valor o patrimonio marítimo galego
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), polo que se instrumenta unha subvención nominativa de 100.000€ para o cofinanciamento do "XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Sada 2023". A achega da Deputación supón un 70% do orzamento total do proxecto.
Este evento consiste nunha conmemoración marítima bienal e itinerante que congrega as diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego e doutras zonas xeográficas, acompañada de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional e artesanía, entre outras actividades complementarias.
Xosé Regueira destacou o "innumerable patrimonio marítimo de Galicia", agradecendo o labor de entidades como Culturmar para a súa posta en valor, "un traballo que non podemos máis que apoiar dende a Deputación", sinalaba, "e que agradecemos e aplaudimos, apostando por unha extensa programación que vai máis aló do propio evento".
Celebrado en Sada o pasado mes de agosto, o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia acolleu a máis de 100 embarcacións de diferente tipoloxía (dornas, botes, chalanas, galeóns...) que encheron a ría, e tamén o paseo marítimo cun amplo programa de actividades culturais relacionadas co mar.