Estás en:Novas

Antonio Leira alenta ás seleccións galegas de balonmán a “deixar soar o nome de Galicia ben alto” no Campionato de España

O deputado participou hoxe no acto de presentación das Seleccións Galegas de Balonmán que disputarán o CESA do 2 ao 7 de xaneiro

Antonio Leira alenta ás seleccións galegas de balonmán a “deixar soar o nome de Galicia ben alto” no Campionato de España

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, desexoulles ás seleccións galegas de balonmán que participarán no Campionato de España "non só moita sorte, senón tamén que desfrutedes cada momento da competición" e alentounos a "deixar soar o nome de Galicia ben alto".
Fíxoo durante o acto de presentación das Seleccións Galegas de Balonmán 2023, organizado pola Federación Galega de Balonmán na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, no que se deron a coñecer os diferentes combinados autonómicos que disputarán o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de Cataluña do 2 ao 7 de xaneiro de 2024.

Durante a súa intervención, o deputado provincial dixo estar participando "nunha festa que é do balonmán galego pero tamén de todo o deporte galego" e destacou a "boa saúde" da que goza un deporte que "está en auxe en toda Galicia".

Neste sentido, quixo tamén facer referencia á "fonda historia e tradición" que ten a provincia da Coruña no mundo do balonmán "e que hoxe se ve reflectida nos 23 xogadores, xogadoras técnicos e técnicas coruñeses que nos estaredes representando, coa vosa habilidade e dedicación, neste campionato".

"Aproveito para facer un recoñecemento ao traballo diario que fan todos os clubs coruñeses. Desde o OAR da Coruña, o Calvo Xiria de Carballo ou o Balonmán Culleredo, que destacan como referentes na Primeira Nacional masculina, a outros como o Balonmán Arteixo, o Balonmán Xallas, o Club Balonmán Pontedeume, o Línea21, o Balonmán Camariñas, o Balonmán Narón, o Balonmán Brigantium, o Balonmán Ferrolterra, e moitos máis", salientou.

Por último, puxo en valor o "destacado traballo da Federación Galega de Balonmán, que xoga un papel fundamental na promoción e desenvolvemento deste deporte en toda a nosa comunidade". "Parabéns polo logro de ter hoxe unha canteira tan talentosa e comprometida", rematou.