Estás en:Novas

A Deputación da Coruña licita por 796.766 euros a primeira fase das obras do tramo compostelán da Vía Verde

As obras que conectarán a Vía Verde con Santiago divídense en dúas fases, con 10 quilómetros de lonxitude e un investimento total de 1,6 millóns de euros

A súa execución completará a ruta ciclable de 36 quilómetros que discorre polos municipios de Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso e Santiago

A Deputación da Coruña licita por 796.766 euros a primeira fase das obras  do tramo compostelán da Vía Verde

FOTO (Arquivo): Inauguración da Vía Verde Cerceda-Oroso en 2022

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da primeira fase das obras do tramo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle que discorrerá en territorio de Santiago, cun orzamento de 796.766,58 euros.

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que desde 2022 conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, con 26 quilómetros de senda ciclable sobre as antigas vías do ferrocarril, é a máis longa de Galicia. Con esta nova ampliación para conectar a Vía Verde coa capital de Galicia, o trazado total alcanzará os 36 quilómetros de lonxitude.

As obras para conectar a Vía Verde con Santiago divídense en dúas fases e teñen un orzamento total de 1,6 millóns de euros. A primeira delas, xa en fase de licitación pública, irá desde a Estación da Sionlla ata o punto quilométrico 2+200.

A segunda fase do tramo compostelán, que vai desde o punto quilométrico 2+200 ata o punto quilométrico 10+200 onde conecta co trazado da Vía Verde xa están en funcionamento, en Sigüeiro, suporá outros 800.000 euros de investimento, dos que 300.000 euros serán aportados polo PSTD Vía Verde, 250.000 euros pola Deputación da Coruña e 250.000 euros polo Concello de Santiago.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "a colaboración entre administracións para facer posible este proxecto", que implica ao Goberno de España, Deputación da Coruña e aos cinco concellos polos que discorre a Vía Verde.

A Vía Verde, unha oportunidade tamén para o turismo

Con esta actuación, a Deputación da Coruña inicia a conexión de Compostela coa maior Vía Verde de Galicia, contribuíndo a crear unha oferta de mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente que contribúe a vertebrar as comunicacións nos núcleos rurais e a dinamizar o turismo na zona.

Proba diso é o Plan de sustentabilidade turística en destino (PSTD) da Vía Verde aprobado polo Goberno de España con 1.375.000 euros de orzamento e desenvolvemento.

Arredor da Vía Verde e enmarcado no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, o plan busca impulsar este destino como unha alternativa sostible baseada no desenvolvemento dun produto turístico singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio (patrimonio histórico, cultural, paisaxístico...).

Entre as actuacións previstas neste PSTD destacan a elaboración dun plan de actuacións para evitar inundacións nos leitos dos ríos Tambre e Lengüelle, a instalación de puntos de auga e de autorreparación de bicicletas; a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, coa instalación de pérgolas axardinadas, a elaboración dun mapa virtual e app dixital con recursos vinculados ao turismo gastronómico ou un plan para impulsar feiróns no que se fomenten os produtos locais, en colaboración con pequenos produtores.

O orzamento do PSTD da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle inclúe tamén 300.000 euros para financiar parte das obras do segundo tramo da Vía, que conectará con Sigüeiro (Oroso).

Ligazón á licitación das obras:

https://contrataciondelestado.es/wps/wcm/connect/1f288682-8e8e-450e-99d3-2f73e3ee225c/DOC_CN2023-001086831.html?MOD=AJPERES