Estás en:Novas

A Deputación destina 80.000€ á xestión do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño en 2024

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, asinou un convenio de colaboración co alcalde de Malpica, Eduardo Parga

A entidade provincial cédelle ao concello de Malpica de Bergantiños a xestión integral do Ecomuseo ata o de 2025

A Deputación destina 80.000€ á xestión do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño en 2024

A xestión do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño continuará pertencendo ao Concello de Malpica de Bergantiños grazas ao convenio de colaboración que asinou coa Deputación da Coruña, propietaria do espazo. O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, foi o encargado de asinar o acordo co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga. A entidade provincial fará unha achega de 80.000€ para a programación de actividades culturais para dinamizar a tradición oleira nas instalacións do Ecomuseo.

O Concello de Malpica de Bergantiños continuará encargándose, así, da organización das visitas e das actividades, así como da conservación e mantemento das instalacións do Forno do Forte. O consistorio municipal deberá manter o Ecomuseo aberto ao público todos os días da semana agás os luns, de 11 a 14 horas e de 16 a 19. Tamén se manterá a actividade dos obradoiros de modelado en Semana Santa e nos meses de xullo e agosto, así como as visitas teatralizadas orientadas aos institutos durante a primavera, como fórmula para dar a coñecer a olería tradicional entre a mocidade.

Ademais, de cara ao 2024 reforzaranse estas visitas teatralizadas e tamén se levarán a cabo actuacións musicais de grupos tradicionais, que manteñan viva a propia historia musical vinculada á tradición oleira. "Queremos continuar apoiando a revitalización deste espazo, reconstruíndo a vida cotiá das xentes labregas e oleiras que fixeron de Buño un centro emblemático da produción artesá de Galicia, da provincia e da comarca" sinalou Penas.

Esta colaboración, iniciada en 2006, permite poñer en valor a historia oleira e a tamén a nova creación artística que recupera esta tradición. "Potenciamos o coñecemento da idiosincrasia de Buño, que non se entende sen a súa olería, e tamén apostamos polos novos talentos que están facendo uso de traballos artesanais para ofrecer pezas únicas con moita historia e identidade", engadiu o deputado.