Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste na área de Santiago máis de 16 millóns na súa fase inicial aprobada no pleno de novembro

Este importe repartirase entre as comarcas de Santiago, Ordes, Terra de Melide, Arzúa, Xallas, A Barcala e O Sar

A deputada de plans provinciais, Cristina García presentou esta mañá o plan para 2024 no Concello de Santiago

O Plan Único da Deputación inviste na área de Santiago máis de 16 millóns na súa fase inicial aprobada no pleno de novembro

O Concello de Santiago acolleu esta mañá a presentación do Plan Único, a ferramenta da Deputación para o financiamento de obras e servizos públicos dos concellos da provincia. A deputada de plans provinciais, Cristina García, acompañada da concelleira do Medio Rural, Pilar Lueiro, deu a coñecer o investimento de 2024 para toda a área de Santiago, que alcanza os 16.674.528 euros na fase inicial do plan. Este investimento repartirase entre os concellos que conforman as comarcas de Santiago, Ordes, Terra de Melide, Arzúa, Xallas, A Barcala e O Sar.

O Plan Único, que destinará 50,5 millóns de euros para toda a provincia, permítelle aos concellos coruñeses distribuír os recursos públicos con maior autonomía, en función da súa situación e particularidades. "Esta ferramenta está pensada para que a xestión dos investimentos sexa máis eficiente e, sobre todo, para mellorar o benestar e calidade de vida das veciñas e veciños" sinalou a deputada.

No caso do Concello de Santiago, que no ano 2024 recibirá máis de 900.000€, a concelleira sinalou que o Plan Único permitirá financiar "unha parte do gasto corrente (alumeados públicos, auga, parques e xardíns, persoal, etc.), do gasto social e tamén de obras como a mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras, que leva paralizada dende 2019 e ten moita necesidade de arranxo".

E é que, en definitiva, apuntou, o Plan Único favorece "un reparto dos fondos obxectivo para os concellos e, ao coñecelo a principios de ano, planificar proxectos con maior eficiencia".