Os faros da provincia protagonizan o calendario anual da revista National Geographic Viajes
O calendario, que se pode adquirir en diferentes puntos de venda de todo o estado, ofrece unha panorámica dos faros da provincia e parte do patrimonio vinculado a estes
A área de turismo da Deputación, liderada polo vicepresidente Xosé Regueira, promociona os faros da provincia no calendario anual da revista National Geographic Viajes. En total, editáronse 14.500 exemplares que se poden adquirir en diferentes puntos de venta de todo o Estado. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a riqueza turística e cultural da Coruña en todo o territorio español; concretamente, os seus faros e o patrimonio que os envolve, entre un tipo de turista moi especializado.
O percorrido por todos os faros coruñeses plasmado neste calendario que se titula "A Coruña, unha provincia a través dos seus faros" comeza no norte, co faro do Cabo Ortegal protagonizando a portada, e remata no sur, co Faro de Corrubedo (Ribeira) no mes de decembro. Estas imaxes compleméntanse con información sobre o xeoparque mundial do Cabo Ortegal e a cultura surfeira desta zona, e sobre o ribeirense dolmen de Axeitos, respectivamente.
A área de turismo da Deputación promociona, así, por terceiro ano consecutivo, os recursos turísticos da provincia a través do calendario desta revista especializada en viaxes. Na panorámica costeira que ofrece este calendario pódese atopar tamén a Torre de Hércules, o faro do Roncudo de Corme, o Cabo Vilán ou o Faro de Lariño, entre outros, e tamén unha parte dos recursos históricos, naturais e sociais que definen estas zonas.
"Queremos dirixirnos, deste xeito, a un perfil de turista interesado polo patrimonio e a natureza da nosa provincia, amosando parte da riqueza que se pode atopar nos nosos xeodestinos" sinala Regueira. Esta iniciativa enmárcase nunha liña de traballo da entidade provincial que potencia a sustentabilidade turística do territorio, "cunha oferta que manteña autenticidade e sexa sustentable económica, social e medioambientalmente", engade o vicepresidente.