Estás en:Novas

A Deputación da Coruña defende a utilidade das cartas informativas á cidadanía sobre os investimentos do Plan Único nos concellos: “É unha aposta pola transparencia”

A Deputación celebrou hoxe un pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular, a pesar de que a Xunta Electoral de Galicia arquivou a súa denuncia ao non apreciar vulneración da Lei electoral

As cartas, enviadas antes da convocatoria das eleccións autonómicas, informan á cidadanía das obras e servizos financiados polo Plan Único no seu concello

A Deputación da Coruña defende a utilidade das cartas informativas á cidadanía sobre os investimentos do Plan Único nos concellos: “É unha aposta pola transparencia”

O Goberno da Deputación da Coruña defendeu hoxe a "transparencia" e "utilidade" da campaña informativa realizada o pasado mes de decembro mediante o envío de cartas á cidadanía da provincia detallando os investimentos do Plan Único no seu municipio.

Nun pleno extraordinario, solicitado polo Partido Popular, pese a que a Xunta Electoral de Galicia xa arquivou a súa denuncia e resolveu o pasado 2 de xaneiro que "non existe vinculación entre os feitos denunciados e a convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia efectuada polo Decreto 150/2023, do 25 de decembro, que entrou en vigor o día 26 de decembro de 2023, ao terse iniciado o envío das cartas antes desa data que é a que debe terse en conta para determinar o comezo do período electoral", a corporación provincial debateu hoxe sobre esta campaña de envíos postais, nos que informa á cidadanía de cada concello da provincia acerca das 3.900 obras e múltiples servizos financiados con cargo aos 578 millóns de euros que o Plan Único investiu nos municipios coruñeses entre 2017 e 2023.

"A Deputación inviste hoxe nos concellos coruñeses entre o dobre e o triple do que investía cando gobernaba o PP e faino ademais con criterios de reparto obxectivos" e "deixando que sexan os concellos os que decidan o destino dos fondos". "Iso é o que non lles gusta, o que non queren que se saiba", afirmou o portavoz do PSOE, Bernardo Fernández, que incidiu en que a resolución da Xunta Electoral de Galicia deixa claro que non houbo vulneración da Lei electoral, xa que tanto a tramitación administrativa do expediente como os envíos por Correos foron efectuados antes da convocatoria das eleccións autonómicas, o pasado 26 de decembro.

O portavoz do Partido Socialista contrapuxo "a obxectividade no reparto de recursos" do Plan Único coas "convocatorias de axudas en orde de chegada da Xunta, das que un 99% van a parar a concellos do Partido Popular" e lembrou as cartas enviadas nas últimas semanas pola Xunta de Galicia "e asinadas por Alfonso Rueda" sobre a gratuidade do transporte público para maiores ou as axudas á dependencia.

Un aspecto ao que tamén se referiu a portavoz do BNG, Avia Veira, que censurou que "as campañas institucionais da Xunta e do Partido Popular son indistinguibles" e aludiu a distintas campañas promovidas polo goberno autonómico coincidindo coa convocatoria electoral "como o Bono Deporte ou a de Galicia sabe a mar, en plena crise dos pellets nas nosas costas".

Veira defendeu que as cartas informativas sobre o Plan Único "sen asinar, a diferenza das da Xunta, non teñen nada reprochable nin ética nin legalmente", son un exercicio de "transparencia" e "un método máis directo e máis económico" de informar sobre o principal plan de cooperación municipal da Deputación.

O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, considerou "incongruente e demagóxica a postura do PP" aínda que defendeu que "os fondos do Plan Único son cartos dos concellos, distribuídos a través da Deputación" e lembrou que "son os municipios os que deciden os investimentos, os que licitan as obras e os que tramitan os permisos pertinentes".

García Seoane instou á Deputación a facer o mesmo "coas obras directas que fai nos municipios, como a rotonda da Chasqueira, que quedou fenomenal; o vial entre Mera e a Vía Ártabra ou a gran obra que se vai a facer en Santa Cristina".

O portavoz do Partido Popular, Evaristo Ben, censurou a campaña informativa "inédita e innecesaria polo momento, os modos e o contido", aínda que recoñeceu que "é certo que o inicio da contratación da campaña é anterior ao anuncio das eleccións".

Ben Otero reprochou que as cartas "dan a entender que as obras son mérito exclusivo da Deputación, cando os que licitan, executan e supervisan as obras son os concellos".