Estás en:Novas

Formoso subliña o “valor único” de Exponav para “mostrar ao mundo a experiencia e a tradición centenaria da construcción naval de Ferrolterra”  

O presidente presentou esta tarde un monográfico de Ferrol Análisis sobre a historia do museo, editado pola Deputación e o Club de Prensa de Ferrol

Formoso subliña o “valor único” de Exponav para “mostrar ao mundo a experiencia e a tradición centenaria da construcción naval de Ferrolterra”   

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde na presentación do monográfico 'Ferrol Análisis' sobre o Museo da Construcción Naval de Ferrol (Exponav), nun acto celebrado na propia sede da entidade en Herrerías, que contou tamén coa asistencia do almirante do Arsenal, Ignacio Frutos, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, e a coordinadora da publicación, Esperanza Piñeiro de San Miguel.

Ao longo de 163 páxinas, o monográfico, coidadosamente editado pola Deputación da Coruña e o Club de Prensa de Ferrol, repasa a través de documentos, artigos de diferentes expertos e fotografías a historia de Exponav, "un museo único no seu ámbito en España dedicado a mostrar ao mundo a experiencia e a tradición centenaria da comarca de Ferrolterra no eido da construción naval, que é motivo de orgullo para esta comarca".

O presidente quixo agradecer o traballo do Club de Prensa de Ferrol e de Esperanza Piñeiro para divulgar a singularidade dun museo "que destila historia" e no que se poden descubrir auténticas marabillas entre os seus fondos, coma o pecio orixinal da fragata María Magdalena, as cadernas de embarcacións do século XVIII ou as maquetas dalgúns dos principais buques da Armada española que saíron das gradas dos estaleiros ferroláns.

"A historia de Exponav é tamén a historia dunha tarefa colectiva", afirmou Formoso, que destacou o apoio de numerosas persoas e institucións á entidade ao longo da súa historia, entre elas, a propia Deputación da Coruña "para a que é un inmenso orgullo formar parte do padroado e ter colaborado de forma activa nos últimos anos tanto no mantemento e mellora das instalacións deste emblemático inmoble de Herrerías coma en divulgar en toda a provincia a singularidade e importancia dos fondos que atesoura este museo", afirmou.