Estás en:Novas

A deputada de plans provinciais, Cristina García, visita Mazaricos para coñecer os investimentos do Plan Único

Cristina García achegouse ata o concello mazaricán acompañada da deputada da comarca, Soledad Agra, para ver como xestionan os fondos do Plan Único

Este concello destinará máis de 409.000€ a obras como a mellora do abastecemento de Santa Baia e a ETAP do Pino do Val, entre outras

A deputada de plans provinciais, Cristina García, visita Mazaricos para coñecer os investimentos do Plan Único

A deputada de plans provinciais, Cristina García, achegouse esta mañá ata o Concello de Mazaricos para coñecer de primeira man como xestionan os fondos que reciben da Deputación a través do Plan Único, e aproveitou tamén para visitar algunha das actuacións que se levaron a cabo grazas a esta ferramenta da entidade provincial para o financiamento de obras e servizos públicos dos concellos da provincia.

Fíxoo acompañada da deputada da comarca Soledad Agra, nunha xuntanza co alcalde do municipio, Juan Blanco, e o tenente alcalde, Jorge Villar.

Ademais, a deputada puido coñecer algúns dos investimentos planificados para o 2024 que o concello levará a cabo a través do Plan Único. Exemplo disto é a mellora do abastecemento de Santa Baia e a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pino do Val, entre outras, por un importe de 409.040,41€. Obras que se unen ás xa realizadas, como a consolidación de ruínas da Igrexa de Santa Baia e a Casa da Fábrica, que Cristina García visitou durante a xornada de hoxe.

O Plan Único permite financiar, ademais, parte do gasto corrente (que, no caso de Mazaricos, consiste no mantemento de camiños agrarios e abastecemento de auga) e gasto social. "Esta ferramenta está pensada para que os concellos repartan os fondos da Deputación con maior autonomía e eficacia en función das súas necesidades", apuntou Cristina García, "e, por suposto, para mellorar a calidade de vida da veciñanza, particularmente a do medio rural".

Pola súa parte, o alcalde resaltou a importancia do plan para o financiamento dos concellos pequenos. "Permítenos investir en obras de gran relevancia para o noso rural e o noso patrimonio, entre outras, e tamén en servizos fundamentais para os veciños e veciñas", sinalou.

En 2024, o Plan Único destinará 50,5 millóns de euros para toda a provincia, dos cales 1,6 millóns son para a comarca do Xallas, e 685.830,88€ para o concello de Mazaricos.