Estás en:Novas

A Deputación da Coruña liquidará este ano a Audasa o 100% do IBI nos 18 concellos coruñeses polos que discorre a AP-9

Faino de oficio, en virtude do Real decreto 173/2000 que na súa cláusula 20 establece para este ano o fin da bonificación do 95% do imposto do que gozaba Audasa desde hai décadas

O fin da bonificación suporá para estes concellos pasar dunha recadación de 175.000 euros a arredor de 3,7 millóns anuais

A Deputación da Coruña liquidará este ano a Audasa o 100% do IBI nos 18 concellos coruñeses polos que discorre a AP-9

A área de Xestión Tributaria da Deputación da Coruña liquidará este ano a Audasa o 100% do IBI nos 18 concellos polos que discorre a AP-9 e que teñen delegada a xestión e cobro dos seus tributos na institución provincial.

Así o anunciou esta mañá o deputado responsable da área de Facenda, José Ramón Rioboo, que explicou que a área de servizos tributarios da Deputación "xa ten contemplado liquidar este ano o 100% do IBI a Audasa nos concellos polos que pasa a AP-9 e que teñen delegada a xestión do imposto na Deputación, que son todos a excepción das cidades da Coruña e Ferrol, e incluíndo tamén ao Concello de Abegondo".

Rioboo explicou que os servizos tributarios da Deputación xa tiñan tomada esta decisión "de oficio, en virtude do Real decreto 173/2000, que na súa cláusula vixésima establece no 19 de agosto de 2023 o fin do 95% de bonificación do que gozaba Audasa desde hai décadas" grazas a unha Lei de 1972.

3,5 millóns de euros máis

O deputado indicou que, segundo as estimacións do departamento tributario da Deputación, o fin da bonificación no IBI da AP-9 implicaría para estes 18 concellos da provincia pasar duns ingresos anuais de 175.000 euros a máis de 3,7 millóns de euros en concepto de IBI polo paso da autoestrada no seu territorio.