Estás en:Novas

A Deputación e Apecco coinciden na necesidade de reducir a burocracia na tramitación das obras públicas

Formoso reuniuse coa directiva de Apecco, que integra a 170 empresas do sector da construción na provincia

Apecco valora positivamente medidas como a revisión de prezos posta en marcha pola Deputación e incide na necesidade de contar con máis traballadores cualificados

A Deputación e Apecco coinciden na necesidade de reducir a burocracia na tramitación das obras públicas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo unha reunión coa directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Construcción (Apecco), encabezada polo seu presidente, Diego Vázquez Reino.

Vázquez Reino valorou positivamente medidas como a revisión de prezos das obras públicas postas en marcha pola Deputación co obxectivo de que a escalada de prezos de materiais e combustibles dos últimos anos non afecte á actividade e é creación de emprego no do sector.

Formoso destacou a importancia do sector da construcción en Galicia, onde representa un 6,5% do PIB e sostén preto de 78.000 empregos, e a necesidade de seguir implantando medidas que permitan unha redución da carga burocrática que ralentiza a execución das obras, un aspecto que tamén demandan desde Apecco. O presidente lembrou que cada millón de euros investido en obra pública xera entre doce a catorce empregos.

Formoso aclarou tamén que as encomendas de xestión de determinadas obras a Tragsa son puntuais, de carácter moi excepcional ou de urxencia, e que o goberno provincial vai  seguir apostando por adxudicar as obras ás empresas que crean emprego e actividade no territorio.

Apecco trasladoulle tamén á Deputación a necesidade de contar con entre 4.000 e 5.000 traballadores cualificados máis en Galicia, así como a necesidade de incorporar mulleres e xente moza ao sector. Ambas entidades acordaron explorar fórmulas de colaboración neste ámbito.