Estás en:Novas

Conta atrás para o Festival Rosalía

Os días 23 e 24 de febreiro ás rúas da capital galega énchense de actividades ao redor de Rosalía de Castro para celebrar o 187º aniversario do nacemento da escritora

A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, organiza a sexta edición deste festival con poesía, escena, música, artesanía e narración oral para celebrar a potencia creadora na nosa lingua

Conta atrás para o Festival Rosalía

A Deputación da Coruña, en colaboración co concello de Santiago de Compostela, conmemora o 187 aniversario de nacemento da escritora Rosalía de Castro coa celebración da sexta edición do Festival Rosalía. Unha quincena de actividades encherán a compostelá Praza de Mazarelos entre o venres 23 e o sábado 24 de febreiro, co fin de celebrar a potencia creadora na nosa lingua.
Baixo o lema Un grande atrevemento discorrerá esta nova edición do festival, que reúne poesía, escena, música, artesanía e narración oral para pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística da nosa lingua e as novas dimensións que se lles outorga desde diferentes disciplinas tanto á figura de Rosalía como ao noso idioma.

Dúas xornadas de intensa actividade
Rosalía de Castro protagoniza un programa diverso con numerosas actividades. O venres 23 comeza o Festival Rosalía ás 17.00 h coa apertura da Feira de produtos con "marca Rosalía". Media hora despois, ás 17.30 h, haberá un contacontos familiar Contos Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, a cago da Trastenda, que traza un percorrido pola traxectoria da poeta.
Ás 19.00 h, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, encarnados por Isabel Risco e Fran Rei, traerán unha peza que fusiona música, audiovisual, teatro e humor.
E xa ás 20.30 h é a vez de Indóciles, un proxecto multidicisplinar de Mónica de Nut, Vero Rilo e Nuria Vil, co que pretenden achegar ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

Continúa o festival na Praza de Mazarelos
O sábado 24 desde as 11.00 h poderase volver desfrutar da Feira de produtos con "marca Rosalía" e tamén comezarán os obradoiros de maquillaxe rosaliana e de xogos populares, que durarán todo o día. Ás 12.00 h terá lugar a primeira actividade do día, Ópera Break's, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj ao unir en escena a soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. A sesión vermú correrá a cargo de Luís Vallecillo, que actuará para o público familiar co seu espectáculo Cantamos con... Rosalía de Castro! ás 13.30 h.
Pola tarde, retómanse as actividades ás 16.30 h cun pasarrúas teatralizado da man do grupo Os Quinquilláns, que percorrerá a cidade nun circuíto circular. Esta ruta viaxará a 1880. Rosalía está a piques de abandonar Compostela e, na compaña do seu amigo Paz Novoa, pasea polo zona vella. Ás 17.00 h, terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseado en Rosalía de Castro e nos seus Cantares gallegos. Media hora despois, ás 17.30 h, dará comezo o Quiz Rosaliano, concurso aberto sobre a escritora, onde o público poderá gañar algún dos paquetes de produtos rosalianos que se entregarán como recompensa.
Ás 18.30 h, a investigadora Pilar García Negro presentará, na compaña da editora Mª Carme Pérez-Sanjulián, o seu libro Intenso e solidario Feminismo. Estudios Rosalianos. Ás 20.00 h, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital O atrevemento da voz nos versos a Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e a xa amentada Nuria Vil. Actividade na que parten de diferentes poemas de Rosalía para levantar un recital no que a poesía está pensada para ser escoitada, mais tamén para ser vista.
E para lle pór fin á súa sexta edición, o Festival Rosalía despedirase ás 21.15 h coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo discográfico Rematou o simulacro.
Programa completo en www.i.gal/FestivalRosalia

Venres 23
17h. Apertura da Feira de produtos con "marca Rosalía" (todo o día).
17:30h. Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos. Contacontos familiar de A Trastenda dos Contos.
19h. Dúo Vaguedades. Espectáculo teatral con Isabel Risco e Fran Rei.
20h30h. INDÓCILES. Un proxecto multidisciplinar ao redor de Luisa Villalta, con Vero Rilo, Mónica de Nut e Nuria Vil.

Sábado 24
11h. Apertura da Feira de produtos con "marca Rosalía" (todo o día).
11h. Apertura dos obradoiros de decoración e maquillaxe rosalianas e de xogos populares (todo o día).
12h. Ópera Break's. Espectáculo que mestura Ópera, Break-dance, Beatbox e Dj con Vella Escola e Esperanza Mara.
13h. Benvida á Feira – Autoridades.
13h30. Cantamos con... Rosalía de Castro! Espectáculo musical familiar, con Luis Vallecillo.
16h30. Pasarrúas rosaliano. Pasarrúas teatralizado, con Os Quinquilláns. Saída da Praza de Mazarelos (ruta circular).
17h. Contos nunha roda. Rosalía. Espectáculo de títeres e contacontos, con Tarabelos Títeres.
17h30. Quiz rosaliano. Concurso aberto ao público ao redor da escritora.
18h30. Presentación do libro Intenso e solidario Feminismo. Estudos Rosalianos, coa autora do ensaio, Mª Pilar García Negro, e a editora Mª Carme Pérez-Sanjulián.
20h. O atrevemento da voz nos versos: Recital poético con Rosalía Fernández Rial, Nuria vil, Samuel Merino e Lúa Mosquetera, organizado por Chan da Pólvora Editora.
21h15. Concerto de Loita Amada. Presentación oficial do seu novo traballo en directo Rematou o simulacro.