Formoso aposta por un pacto entre todas as institucións para promover a ciencia e a tecnoloxía e impulsar a transferencia de coñecemento da universidade á empresa
O presidente provincial puxo como exemplo nun encontro en Santiago a posta en marcha de proxectos estratéxicos como o plató virtual na Cidade das TIC ou o apoio ao sector biotecnolóxico por parte da Deputación
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou hoxe en Santiago a importancia de apostar pola ciencia e a tecnoloxía para "impulsar Galicia". "Debería promoverse un pacto entre todas as institucións para que todos puxeramos o noso grao de area, achegando unha pequena parte do orzamento", dixo para lembrar que a Administración provincial, pese a carecer de competencias nese eido, xa está a contribuír con investimentos por valor de 100 millóns de euros co fin de prestar apoio a "1.800 proxectos emprendedores que alberguen os soños de aqueles que non queren deixar o seu país" e queren investigar e traballar en Galicia.
Nese senso, defendeu a necesidade de que as administracións, incluso as pequenas, aposten polo investimento en I+D, dedicando unha porcentaxe dos seus orzamentos á promoción da ciencia e da investigación.
Que a comunidade "recupere terreo e iguale a media nacional" en investimentos no ámbito científico é, dixo, "unha aspiración" para a que resulta necesaria "unha estratexia que nós queremos compartir". "Se todos apostamos pola ciencia, imos lograr unha sociedade moito mellor", afirmou.
Formoso insistiu en que todas as administracións deben contribuír a crear "alternativas de futuro", e para iso é indispensable "facilitar a transferencia de coñecemento entre universidade e empresa" e fomentar o emprendemento tecnolóxico, aspectos aos que a Deputación está a prestar especial atención dentro das súas políticas.
O presidente provincial participou na mesa redonda "Investimento que fai país" dentro do segundo "Encontro do ecosistema de investimento en ciencia e tecnoloxía deptech", que se celebrou onte e hoxe na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC baixo o lema "Investir en ciencia si é rendible. Impacto e retorno".
Alí puxo como exemplo algunhas das iniciativas que promove ou nas que participa a Deputación da Coruña, como é a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, "unha aposta polo talento e o emprendemento" e unha oportunidade para as iniciativas de ámbito tecnolóxico, entre outros sectores, que conta con 11 centros adheridos nos que xa están integrados 15 proxectos vinculados á innovación.
Porén, precisou que eses coworkings constitúen só unha parte dunha liña de traballo que inclúe "proxectos estratéxicos" coma o plató virtual Coruña Estudo Inmersivo, na Cidade das TIC. Trátase dunha infraestrutura que se atopa xa en fase de construción e que vai servir de impulso ao audiovisual galego, un sector integrado por máis de 700 empresas que dan traballo a 4.500 profesionais.
Tamén lembrou o compromiso da Deputación co biopolo da Sionlla, en Santiago, cun investimento dun millón de euros para contribuír a converter a capital galega nun referente en biotecnoloxía, ademais da súa participación na incubadora de empresas de alta tecnoloxía en intelixencia artificial, que se vai crear na Cidade das TIC e que estará dirixida a campos como a industria intelixente, a saúde, a economía circular e os servizos públicos.
Durante o evento, organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital, de Noso Capital, Formoso compartiu conversa con Pilar Carrato, directora económico-financeira do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación; Juan Manuel Garrido, director de operacións de Enisa; Covadonga Toca, directora xeral do Igape; Joaquín Gómez, director do Instituto de Fomento da Rexión de Murcia, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación.
Na mesa redonda lembrou que a Deputación é a primeira entidade local que participa con investimento en empresas de ámbito tecnolóxico a través da contribución a Unirisco, sociedade de capital risco participada pola UDC e a USC. Ese apoio concretouse hai un ano cunha achega de 400.000 euros para que ambas universidades tomasen parte na ampliación de capital de Unirisco.