Estás en:Novas

O Premio Rosalía de Castro volve recoñecer a promoción e dignificación do patrimonio lingüístico galego

O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 30 de abril

Concederá 5.000 euros aos gañadores de cada unha das tres categorías: persoa, entidade e proxecto de dinamización lingüística orientado á infancia e a mocidade

O Premio Rosalía de Castro volve recoñecer a promoción e dignificación do patrimonio lingüístico galego

Ata o 30 de abril estará aberto o prazo para presentar candidaturas ao XV Premio Rosalía de Castro de lingua, co que a Deputación da Coruña quere honrar a memoria da maior poeta das letras galegas e recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galicia, o mesmo no ámbito da provincia que no de toda a comunidade.

Categorías
Establécense tres categorías, cada unha dotada con 5.000 euros:

  1. Premio á persoa que máis destaque na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os ambientes e con todos os estratos sociais.
  2. Premio á entidade que máis destaque na promoción da lingua galega.
  3. Premio ao proxecto concreto (ferramentas, publicacións ou coleccións, portais web, etc.) de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.

As bases están publicadas no BOP do 21 de febreiro, e as candidaturas deberanse presentar de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).

A decisión do xurado darase a coñecer, na segunda metade do mes de maio, na páxina web da Deputación e nos medios de comunicación.

Gañadores do 2023
Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística do Concello de Fene, na categoría A; o Museo do Pobo Galego e o portal web Orgullo Galego, na categoría B; e o músico e animador para público infantil Francisco Manuel Cerdeira, "Pakolas", foron en 2023 os gañadores dun certame que premiou, en anteriores edicións, a María Canosa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Proxecto Brazolinda, Xaquín Marín, Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, Twitter en galego, Xabier P. Docampo e Mesa pola Normalización Lingüística, entre outros.