A Deputación apoia a XIX edición da Mostra de Cine Etnográfico que se celebra este mes en Santiago de Compostela
O deputado provincial, Xosé Lois Penas, participou na presentación da programación do festival, que se celebrará en Santiago desde o 20 ao 26 de marzo
Poderán verse cerca de 70 pezas audiovisuais procedentes de 12 países diferentes, e 13 filmes competirán na sección oficial, dos que 8 están dirixidos por mulleres.
Penas quixo subliñar "o compromiso da Deputación co cine e coa cultura a través do apoio a este tipo de proxectos, que non só promoven o acceso audiovisual, se non que tamén achegan á sociedade ás orixes antropolóxicas"
![A Deputación apoia a XIX edición da Mostra de Cine Etnográfico que se celebra este mes en Santiago de Compostela](/files/cache/23d63b8aad232e68ed059595564e23df_f63521.jpeg)
O deputado provincial, Xosé Lois Penas, participou hoxe na presentación da edición número 19 da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, organizada polo Museo do Pobo Galego e que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña.
O evento terá lugar en Santiago de Compostela desde o mércores 20 ata o martes 26 de marzo. Poderán verse cerca de 70 pezas audiovisuais procedentes de 12 países diferentes, e 13 filmes competirán na sección oficial, dos que 8 están dirixidos por mulleres.
Penas quixo "felicitar á dirección do festival e a todos os que están detrás de todo isto polo seu esforzo na organización dun evento único no noso país e case único en todo o estado, que xa afronta 19 edicións".
O deputado provincial salientou o papel do cinema á hora de "facer unha reflexión e falar de forma clara sobre o patrimonio inmaterial, posto que ten que ser un reflexo dunha sociedade á cal representa, ademais de establecer canles de diálogo, pensamento e, en definitiva, proxectar un intercambio cultural e social en tempos no que todo se mesura polos números".
O deputado tamén subliñou "o compromiso da Deputación da Coruña co cine e coa cultura a través do apoio a este tipo de proxectos, que non só promoven o acceso audiovisual, se non que tamén achegan á sociedade ás orixes antropolóxicas".
Este festival é xa un evento consolidada a nivel galego, estatal e incluso internacional, especializado en cine etnográfico e de antropoloxía visual, que este ano pon o foco no eido político, os rituais, o seu poder simbólico e o espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións.
O MICE nace no ano 2006 co obxectivo de dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía, dúas disciplinas que se enmarcan no traballo do Museo do Pobo Galego, coa intención de establecer un espazo de diálogo, reflexión e intercambio en torno á confluencia entre a antropoloxía social e cultural, levándoas á cinematografía.
Toda a programación da mostra é completamente de balde e desenvolverase en catro espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, o Salón Teatro e NUMAX.
O MICE e as súas seccións
O MICE conta con diferentes seccións dentro da súa programación, dirixidas a diferentes públicos.
A sección 'Impropias' pretende reforzar a presenza do cine realizado e producido por mulleres, centrando esta edición número 19 en Cecilia Mangini, conducida pola cineasta Carolina Astudillo.
O apartado de 'Lindes', é un punto de encontro ao redor dos procesos creativos e de documentación de filmes con interese xeográfico, subliñando o papel das fronteiras.
Pola súa banda, o Museo do Pobo Galego colabora co Cineclube de Compostela para a sección 'Trazas', onde se dá a coñecer patrimonio de diversas cinematografías e referentes a través dun debate e unha formación.
Por último, o MICE presenta un enfoque didáctico a través de 'MICE Didáctica', onde realizan actividades con centros escolares para dar a coñecer o cine antropolóxico.