Estás en:Novas

Día Mundial do Teatro

O Día do Teatro na Biblioteca Provincial

Día Mundial do Teatro

Día Mundial do Teatro

O Día Mundial do Teatro celébrase o 27 de marzo de cada ano e foi creado polo Instituto Internacional do Teatro (ITI) no ano 1961. O seu principal obxectivo, é dar a coñecer o que representa o teatro para a cultura a nivel mundial.

Día do Teatro.png

A achega da Biblioteca Provincial para a celebración deste Día do Teatro son:

  • Para esta ocasión, compañeiros da Biblioteca "subíronse ás táboas" para interpretar un fragmento da obra de Xosé Manuel Pacho e Zé Paredes "Teatro, ou xeitos de cargar unha arma", galardoado co Premio de Teatro Rafael Dieste (da Deputación da Coruña) no ano 2013. Podes visualizalo aquí.
  • Na eBiblio Dacoruna preparamos unha selección de obras deste xénero, ás que podes acceder desde aquí.
  • O destaque semanal de #AVoltaÁProvinciaEn52Autoras está protagonizado nesta ocasión por unha actriz, Uxía Blanco, accesible desde aquí.

Tamén vos recomendamos o ciclo que preparou a Deputación da Coruña, a través do seu Servizo de Cultura, con dez representacións que percorrerán a provincia estes días. Tedes toda a información aquí.

E por último, a seguir, deixámosvos a Mensaxe do Día do Teatro, que cada ano corre a cargo dunha figura de renome internacional. Unha tradición que se repite desde 1962. O texto deste ano é de Jon Fosse e é unha reflexión que de seguro vos resultará de interese.

Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2024, a cargo de Jon Fosse, dramaturgo e Premio Nobel de Literatura 2023

A Arte é paz

Cada persoa é única e, ao mesmo tempo, como todas as demais. A aparencia, pódese ver, é certo, pero tamén hai algo dentro de cada persoa que lle pertence, que a fai única. Podemos chamalo alma ou espírito, ou ben, poderiamos non poñerlle palabras, simplemente deixar que estea aí.

Ao mesmo tempo que somos diferentes, tamén somos iguais. As persoas de todo o mundo somos fundamentalmente iguais, sen importar que lingua falemos, que cor de pel ou de cabelo teñamos.

Quizais isto sexa unha especie de paradoxo: que somos completamente iguais e diferentes ao mesmo tempo. Talvez unha persoa é paradoxal na súa conexión entre o corpo e o espírito, entre o terreal e tanxible e o que transcende os límites materiais e terreais.

A arte, a boa arte, consegue á súa maneira e de forma fabulosa reunir o absolutamente único co universal. Permítenos entender a diferenza entre o estraño e o universal. Ao facelo, a arte transcende as fronteiras das linguaxes e os límites xeográficos. Reúne, non só as calidades individuais, senón tamén as características dun grupo de persoas, por exemplo, as nacións.

A arte non se expresa provocando que todo sexa igual, pola contra, móstranos as nosas diferenzas, aquilo que é alleo ou estraño. Toda boa arte contén precisamente iso: algo estraño, algo que non podemos comprender completamente e que, con todo, entendemos de certo modo. Contén o enigmático, algo que nos fascina e por tanto lévanos máis aló dos nosos límites e así crea a transcendencia que toda arte debe conter e á cal conducirnos.

Non se me ocorre unha mellor maneira de unir os opostos. É exactamente o enfoque inverso ao dos conflitos violentos que vemos a miúdo no mundo, que alimentan a tentación destrutiva de aniquilar todo o estraño, todo o único e diferente, comunmente utilizando os inventos máis inhumanos que a tecnoloxía puxo á nosa disposición. Hai terrorismo neste mundo. Hai guerra, posto que a xente ten un lado animal que o leva a ver o estraño como unha ameaza á súa propia existencia, en lugar de ver o fascinante enigma que iso representa.

E entón o único, o diferente que é universalmente comprensible, desaparece. Deixando atrás unha semellanza colectiva onde todo o diferente é unha ameaza que debe ser erradicada. O que vemos desde fóra, vese como desigualdade; por exemplo, as relixións ou ideoloxías políticas convértense en algo que debe ser derrotado e destruído.

A guerra é a batalla contra o que xace no máis profundo de cada un de nós: o único. E é unha batalla contra toda arte, contra a esencia máis íntima de toda arte.

Falei da arte en xeral, non da arte teatral en particular, isto débese a que toda boa arte, no fondo, xira ao redor do mesmo: tomar o singular e específico para facelo universal. Articula na súa expresión artística aquilo único co universal: non eliminando o singular, senón salientándoo; deixando que o estraño e o descoñecido brille claramente.

É tan simple como que a guerra e a arte son opostos, que a guerra e a paz son opostos. A arte é paz.

JonFosse.jpg