Estás en:Novas

Carlos Mayo e Alice Finot, gañadores absolutos de Os 10.000 peregrinos da Deputación en Santiago

"Esta segunda edición consolida aos 10.000 peregrinos como a gran proba do atletismo en Galicia", afirma o presidente, Valentín González Formoso

Máis de 2.100 atletas de todas as idades participaron na carreira, cunha espectacular meta na praza do Obradoiro

Carlos Mayo e Alice Finot, gañadores absolutos de Os 10.000 peregrinos da Deputación en Santiago

Carlos Mayo e Alice Finot foron os gañadores absolutos nas categorías masculina e feminina da 10k "Os 10.000 peregrinos" da Deputación da Coruña, que esta tarde se celebrou en Santiago de Compostela.

As rúas do centro histórico de Compostela convertéronse no espectacular escenario desta carreira, na que participaron ao longo da tarde máis de 2.100 atletas de todas as idades, entre eles grandes figuras do atletismo español e internacional, con praza para os xogos olímpicos de París ou plusmarquistas nacionais.

Así, xunto con Mayo e Finot, tamén competiron deportistas como Nicolás Cuestas (que foi segundo na categoría masculina), Julius Tarus (terceiro), Rodrigue Kwizera, Abde Oukhelfen, Joseph Koech, Miguel Marques, Ester Navarrete (segunda no podio feminino), Rita Jeptoo (terceira), Mari Luz Tesuri, Himi Lamyae, Susana Godinho ou Sara Ribeiro. Pero a competición contou con diferentes probas aptas para todas as idades: 10k e 5k homologadas pola Real Federación Española de Atletismo, unha carreira de dous quilómetros en ruta para os atletas máis pequenos; e unha andaina de cinco quilómetros en ruta.

A carreira foi retransmitida en directo a través da TVG 2 e de YouTube co atleta e comunicador Juan Carlos Higuero como condutor do programa especial.

"Estamos moi satisfeitos da importante participación e repercusión desta nova edición dos 10.000 peregrinos, que queremos consolidar como a gran cita anual do atletismo en Galicia nun marco incomparable como é Santiago de Compostela", destacou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que participou na praza do Obradoiro no acto de entrega de premios aos gañadores e gañadoras da proba xunto ao deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, afirmou que esta proba de calendario internacional "é a de máis nivel de cantas se celebran a día de hoxe na nosa comunidade" e agradeceu a colaboración da Federación Galega de Atletismo e o Concello de Santiago para a organización do evento.