Estás en:Novas

A Biblioteca provincial organiza unha serie de visitas guiadas e formacións para conmemorar o Día do Libro

As persoas interesadas en asistir á visita guiada e á formación deberán inscribirse previamente a través de eBiblioDaCoruna a partir deste venres, 12 de abril

O programa de actividades busca fomentar a cultura e achegar a lectura á cidadanía, así como dar a coñecer figuras relevantes das nosas letras

A Biblioteca provincial organiza unha serie de visitas guiadas e formacións para conmemorar o Día do Libro

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña organiza, en conmemoración polo Día do Libro, que se celebra cada 23 de abril, unha serie de actividades formativas e visitas guiadas na súa instalación.

A programación dará comezo o luns, 22 de abril, coa actividade 'A biblioteca da Deputación coa provincia', na que as persoas lectoras do Concello de Coirós visitarán as instalacións e fondos da man da súa biblioteca municipal.

O martes, 23 de abril, a partir das 12 horas, realizarase unha visita guiada pola biblioteca para coñecer os tesouros e os fondos máis destacados da colección. A actividade conta cun total de 15 prazas e as persoas interesadas poden anotarse enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal ou chamando ao 981 080 176 e deixando o nome e apelidos, así como un teléfono de contacto.

O mércores, 24 de abril, a partir das 12 horas, terá lugar unha formación de 'eBiblioDaCoruna', na que se amosarán as novas funcionalidades do sistema electrónico para o préstamo de contidos, a participación nos clubs de lectura en liña ou para aprender a través das pílulas dixitais. As persoas interesadas tamén poden inscribirse de maneira electrónica enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal ou telefónica chamando ao 981 080 176 e deixando o nome e apelidos e un teléfono de contacto.

O venres, 26 de abril, a partir das 18:30 horas, proxectarase o documental "O médico dos pobres" de Federico A. Riobóo na sala Manuel López, que contará con entrada libre ata completar o aforo.

Ademais, do 22 ao 27 de abril, realizarase unha homenaxe ao gañador do Premio Cervantes do ano 2024, Luís Mateo Díez, coa creación dunha mostra bibliográfica de recursos do autor na Biblioteca César Antonio Molina e dun recuncho temático dedicado ao autor nos espazos da biblioteca. A maiores, tamén se lerá e comentará unha das súas obras no Club de lectura dixital da eBiblioDacoruna e organizarase un obradoiro de lectura de adultos para ler 'El reino de Celama'.

Ao longo desta semana, ademais, a biblioteca provincial compartirá a través das súas redes sociais diferentes datos curiosos sobre o motivo que impulsou a celebración desta data co obxectivo de facer chegar á cidadanía cuestións de relevantes sobre a mesma dunha maneira amena e dinámica, buscando a súa implicación e participación no proceso.

Este programa de actividades ponse en marcha co obxectivo de fomentar a cultura e achegar a lectura á cidadanía, trasladar a importancia de adquirir este hábito entre a poboación e recordar e dar a coñecer a figuras relevantes das nosas letras.