O Plan Único da Deputación inviste 211.400 euros para converter a rúa da Garda de Narón nun bulevar con beirarrúas máis anchas, novo alumeado e árbores
Formoso, que visitou as obras coa alcaldesa Marián Ferreiro, destaca que o Plan Único supuxo investimentos por máis de 14 millóns de euros e 60 obras en Narón
O presidente destaca a importancia do POS+ para mellorar servizos e acometer obras como esta, que suporán unha notable mellora estética, de accesibilidade e seguridade
Visitaron tamén as obras da DP 5401 de Narón ao Val por Castro, cun investimento de 325.879 euros para rematar coas continuas inundacións que afectaban ao vial debido ao mal estado do antigo sistema de drenaxe
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Narón. Acompañado da alcaldesa, Marián Ferreiro Díaz, da deputada de Vías de Obras, Mónica Rodríguez, e dos portavoces municipais do PSOE, Jorge Ulla e PP, Germán Castrillón, visitou distintas obras financiadas pola institución provincial no municipio.
Formoso e Ferreiro supervisaron algunhas das obras que se están a executar con cargo ao Plan con municipio, entre elas a rúa da Garda, no centro urbano de Narón, cun investimento de 211.400 euros, financiado ao 100% pola institución provincial.
A rúa, construída hai uns quince anos para dar servizo aos grupos residenciais que a compoñen, tense convertido co paso do tempo nunha das vías principais do centro urbano e nun eixo principal dos accesos desde a apertura do novo centro de saúde.
A actuación afecta ao tramo inicial da rúa, entre a estrada de Castela (AC-862) e a rúa Santa Tecla (rotonda de acceso á AP-9), cunha lonxitude de 170 metros, e pretende humanizar o entorno incrementando a zona peonil de 620 metros cadrados cos que contaba anteriormente a 1.100 m2, o que implica redución da calzada para minorar a velocidade dos vehículos. Ademais, as obras contemplan a renovación completa de pavimentos, a mellora do alumeado público, que se dotará tecnoloxía LED, nova rede de recollida de pluviais e unha intervención lixeira coa creación de pequenos espazos verde nas zonas de remata das beirarrúas e prantación de especies arbóreas co fin de crear un pequeno bulevar.
As novas beirarrúas, rematadas en baldosa hidráulica, contan con maior anchura, chegando aos 4,10 metros na zona edificada, creando itinerarios máis seguros para camiñar
"Co remate das obras, en pouco tempo poderemos ver unha notable mellora tanto estética como de seguridade desta céntrica rúa de Narón, que se converterá nun lugar con máis espazo para peóns, cun tráfico máis calmado, mellores servizos e completamente renovado e adaptado ao que a veciñanza demanda", afirmou o presidente da Deputación, que destacou a importante contribución do Plan Único para mellorar as infraestruturas e servizos dos 93 concellos coruñeses e incidiu en que "son os concellos os que deciden os investimentos".
"Agradecemos a colaboración co Concello en proxectos como este, que melloran a calidade de vida dos veciños e axudan a facer un Narón mellor para todos", afirmou Formoso.
A alcaldesa destacou que o Plan Único supón cada ano unha achega importante económica para o Concello de Narón e afirmou que "nos gustaría que todas as subvencións, todas as axudas doutras administracións se fixeran con eses criterios".
"Con obras como esta, melloramos a accesibilidade e facemos máis atractiva a nosa cidade e máis segura para os viandantes, como se define no Plan de Mobilidade municipal", afirmou Marián Ferreiro, que destacou "a boa sintonía" entre Deputación e Concello.
O Plan Único investiu 16 millóns en Narón
No caso de Narón, a creación do Plan Único (POS+) supuxo un notable incremento do investimento da Deputación no municipio. Dos máis de 22 millóns de euros investidos pola institución provincial no municipio nos últimos oito anos, 14.286.000 corresponden ás achegas do POS+, que financiou neste tempo 60 obras no municipio. Desde dotación de servizos esenciais como saneamento e abastecemento de auga en diferentes núcleos coma Sedes ou O Couto ata obras de recuperación de espazos urbanos como o da rúa da Guarda ou a creación dunha zona verde e de ocio no entorno da rúa Camiño do Peregrino.
Formoso explicou que a dotación inicial do Plan Único para 2024 é de 50 millóns de euros, que como é habitual irá incrementándose coa incorporación de remanentes ao longo do exercicio. "Este ano esperamos chegar a unha cifra récord de investimento", anunciou o presidente, que detallou que nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o investimento do POS+2024 a día de hoxe é de 9.605.000 euros, dos que 1.247.823 corresponden ao Concello de Narón.
Obras para evitar inundacións na estrada de Narón ao Val por Castro
Formoso, Ferreiro e Rodríguez supervisaron tamén as obras de renovación da rede de recollida de pluviais e drenaxe da estrada provincial DP 5401 de Narón ao Val por Castro, uns traballos que supoñen un investimento de 325.879 euros para rematar coas continuas inundacións que afectaban ao vial debido ao mal estado do antigo sistema de drenaxe, e que supuña un perigo para a circulación nos días de choivas intensas.
As obras estanse executando no tramo de 1,4 quilómetros que vai do punto quilométrico 0+560 ao 1+960, onde tras a limpeza e apertura de cunetas e o perfilado dos taludes, estase procedendo á instalación dunha nova rede de recollida de pluviais con tubería de pvc, con sumidoiros e pozos de rexistro e capacidade suficiente para captar a escorrentía de augas da calzada.
As obras incluirán tamén o pavimentado da calzada e a reposición da sinalización horizontal e vertical, segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que detallou que coa renovación do drenaxe incremántarase a seguridade dos vehículos que transitan por este vial.
Aproveitando a visita á zona, reuníronse coa directiva da Asociación de Veciños de San Xiao na súa sede do centro cívico para escoitar as súas demandas de ampliación e melloras de seguridade nesta estrada, que serán tratadas a fondo nunha próxima reunión e valoradas polo equipo técnico do departamento de Vías e Obras da Deputación.