Xosé Regueira participa na entrega das distincións do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino
As empresas e servizos coa distinción de calidade turística do SICTED suben ata 126: un proxecto que conta co apoio da Deputación
O vicepresidente destacou a importancia de apostar pola calidade como fórmula de "distinción", cun modelo turístico "sostible dende o punto de vista ambiental pero tamén socioeconómico"
A Casa das Asociacións de Cornes acolleu onte o acto de entrega das distincións do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino que en 2023 recoñecen a 126 empresas e servizos turísticos do concello, nove máis que o ano pasado e máis do dobre das 60 que se conseguiron no 2018, cando se recuperou o traballo neste sistema de calidade. Deste xeito Turismo de Santiago continúa fomentando a calidade no sector turístico da cidade, nun proxecto no que conta co apoio da Deputación da Coruña.
No acto de entrega dos diplomas participaron a concelleira de turismo de Santiago, Míriam Louzao, o vicepresidente da Deputación de A Coruña, Xosé Regueira, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, o presidente de AGAVI, Juan Rivadulla; a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos; o presidente de APIT, Tommi Alvarellos; o xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco; e o directivo da Fundación Santiago Centro, Delmiro Prieto.
Durante o evento, Xosé Regueira puxo en valor a importancia da calidade turística, e fixo fincapé na necesidade de apostar por un novo modelo turístico "sostible dende o punto de vista ambiental pero tamén socioeconómico" e, nese sentido, "a calidade convértese nun elemento diferenciador que nos vai permitir buscar ese perfil de turista que valora a excelencia dos nosos destinos e propostas, mantendo sempre a autenticidade do noso territorio". Deste xeito "apostando por ese turismo baseado na calidade contribuímos á xeración de riqueza local, á fixación de poboación no rural e, por suposto, ao máximo coidado da nosa contorna".