Estás en:Novas

A Deputación destina 553.000 euros para financiar pequenas obras e equipamento de 80 entidades deportivas da provincia

As contías oscilan entre os 1.000 e os 40.000 euros de axuda

A través desta convocatoria sufráganse actuacións a entidades deportivas en toda a provincia como a mellora da iluminación de campos de xogo, compra de embarcacións e outro material deportivo

A Deputación destina 553.000 euros para financiar pequenas obras e equipamento de 80 entidades deportivas da provincia

FOTO (ARQUIVO). O deputado de Deportes, Antonio Leira, no Club Alamar de Sada, unha das 80 entidades deportivas beneficiarias das axudas. 

A Deputación da Coruña vén de conceder un total de 80 axudas a diferentes entidades deportivas sen ánimo de lucro da provincia para financiar gastos en pequenas obras e equipamentos durante o ano 2024.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este luns, 15 de abril, a concesión das axudas polas que a institución provincial investirá 553.649,18 euros, oscilando entre un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 40.000 euros.

Ademais, outras catro entidades teñen concedida provisionalmente a subvención de forma condicionada por valor de 36.862 euros.

Estas axudas permiten financiar obras de reforma e adaptación en edificios, pavillóns e outros inmobles de uso deportivo e material inventariable como porterías, canastras, máquinas de ximnasio, tatamis ou calquera tipo de equipamentos deportivos. Os petos electrónicos, embarcacións para clubs de remo e vela ou traxes de neopreno son algúns exemplos das axudas para equipamento.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que a Deputación destina este ano 3.725.000 euros en distintas liñas para apoiar aos clubs, entidades e escolas deportivas da provincia na súa actividade.

A resolución provisional da convocatoria pode consultarse en:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2024/04/15/2024_0000002487.pdf