Nace o festival de música contemporánea galega ‘Aquí tamén se fala’ para rachar prexuízos e reivindicar o uso do galego
A deputada de Lingua, Soledad Agra, participou hoxe na presentación do evento, que se celebrará o 7 de xuño na praza da Tolerancia da Coruña
Apoiado pola Deputación, o festival reunirá as bandas Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira
O IES Rafael Dieste acolleu esta mañá a presentación do cartel do primeiro festival de música en galego 'Aquí Tamén Se Fala', que, co apoio da Deputación, celebrarase o venres 7 de xuño, desde as 17 horas, na praza da Tolerancia, na Coruña, onde subirán ao escenario as bandas Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira.
No acto participou a deputada de Lingua, Soledad Agra, a quen acompañaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción do Concello da Coruña; Juan Granados, inspector de Educación; Arcadio González e Alberto Pombo, coordinadores do festival; Nuno Pico, cantante de Grande Amore, e May, cantante de Leria.
"Traballar activamente en favor da normalización social da lingua galega", dixo Agra, "é unha das tarefas que as administracións públicas deben atender de forma obrigada, e polo tanto iso é o que queremos facer, pero ás veces, desde as institucións non damos chegado a ter un impacto tan grande como o que demostrastes vós con esta campaña: un equipo de normalización lingüística dun só centro educativo conseguiu máis repercusión social do que ás veces nós con campañas con moita máis dotación técnica e económica".
A deputada puxo en valor a campaña da que naceu o festival "para romper mitos, para acabar cos estereotipos e os prexuízos". "Estamos fartas de escoitar que o galego non ten futuro, que xa ninguén o fala, que non vale para nada, que si falas galego é cousa da aldea ou de ideoloxía política, pero coa vosa iniciativa e co festival demostrades que o falamos na rúa, na escola, nas empresas, na política, na cultura, na música e na ciencia, porque temos unha lingua viva e rica".
O festival constitúe o colofón a unha iniciativa cultural sen precedentes na historia da dinamización lingüística do país á que se sumaron máis de 200 centros educativos de todos os niveis de ensino, clubs deportivos profesionais de primeiro nivel, referentes do mundo cultural e máis de 25.000 rapaces traballando de forma activa.
Organizado polo IES Rafael Dieste coruñés supón un fito histórico pois representa a materialización dun festival de música profesional promovido desde un centro de ensino. Programado pola mocidade e para a mocidade baixo a coordinación de Arcadio González e Alberto Pombo, promotores da iniciativa cultural 'Aquí tamén se fala galego'.
"O festival, gratuíto, aberto a toda a mocidade e cidadanía, queda constituído na súa primeira edición por bandas do máis alto nivel da escena galega: Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, e dá continuidade ao traballo desenvolvido por "Aquí tamén se fala" no campo audiovisual que se divulga nas redes sociais de Instagram, Tiktok e Youtube baixo o cancelo #AquíTaménSeFala", sinalaron os responsables da organización.