Estás en:Novas

A Deputación financia con 150.000 euros o programa de educación e divulgación ambiental do CEIDA

O proxecto contará con charlas, obradoiros, visitas guiadas, exposicións itinerantes, formacións ou servizos de asesoramento ambiental tanto na súa sede co Castelo de Santa Cruz (Oleiros) coma nos concellos da provincia

A Deputación financia con 150.000 euros o programa de educación e divulgación ambiental do CEIDA

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director do CEIDA, Carlos Vales, e a deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, asinaron o convenio para cofinanciar o Programa de educación, capacitación, divulgación e participación ambiental para a transición ecolóxica ao longo do ano 2024.

O documento contempla unha achega económica provincial de 150.000 euros, que supón o 80% do custo total da iniciativa, que se eleva ata os 187.500 euros.

O convenio recolle diferentes actividades relacionadas coa concienciación sobre emerxencia climática, lixo mariño e espazos naturais protexidos, ademais de promover iniciativas sobre capacitación para a transición ecolóxica, programas de divulgación ambiental, asesoramento e plans de comunicación.

"O CEIDA leva anos desempeñando un labor de formación medioambiental esencial toda a poboación, na que participan desde o alumnado dos centros educativos ata especialistas, profesionais e técnicos medioambientais", sinalou o presidente da Deputación, que incidiu en que se trata "dun dos centros de referencia en educación ambiental a nivel estatal". Ao mesmo tempo, a entidade pon en valor o patrimonio natural da provincia coruñesa

Un dato que nos achega unha idea da importancia do CEIDA é que durante o ano 2023 achegáronse atas súas instalacións máis de 41.000 visitantes.

Actividades do programa

A descrición das actividades responde principalmente a catro bloques: un programa de educación ambiental para unha transición ecolóxica, un programa de capacitación para unha transición ecolóxica, un programa de divulgación ambiental con exposicións itinerantes e un programa de asesoramento e de documentación ambiental.

Entre os obxectivos destacan o fomento de actitudes participativas na conservación de patrimonio, especialmente o mariño, presentando boas prácticas; invitar a colectivos, institucións e empresas que dan a coñecer aspectos históricos, patrimoniais e naturais do Castelo de Santa Cruz e a súa contorna; descubrir potencialidades que, para un desenvolvemento local sustentable, ten a declaración de espazo protexido e dar as ferramentas necesarias para comprender os valores culturais e naturais do litoral galego.

O proxecto permite formar á poboación de todas as idades a través de visitas guiadas e diferentes conferencias divulgativas para fomentar a conservación do patrimonio natural, centrándose na problemática do lixo mariño, a emerxencia climática, a protección dos espazos naturais protexidos e a soberanía alimentaria.

O programa inclúe actividades formativas no centro educativo sobre a problemática da emerxencia climática e unha sesión que inclúe un obradoiro sobre a pegada ecolóxica ou unha exposición sobre a materia.

Tamén se engaden outras xornadas sobre os efectos do lixo mariño, con accións como a limpeza de praias ou a actividade 'crebeirxs', que consiste en levar á aula material que se pode atopar nunha praia e debater sobre como se pode loitar contra esa problemática.

Por outra banda danse a coñecer os diferentes espazos naturais de valor singular da provincia como as Fragas do Eume, as Dunas de Corrubedo e as Lagoas de Carregal e Vixán e a Reserva da Biosfera e Terras do Mandeo.

En canto á soberanía alimentaria, realizaranse dúas sesións formativas. A primeira é unha actividade no centro educativo cunha presentación sinxela sobre o concepto e os principais problemas ambientais que xorden dos nosos hábitos e a forma de mudalos; e ao longo da segunda ten lugar unha visita guiada a un produtor asociado á Reserva da Biosfera para coñecer máis a fondo o seu sistema de produción.

A programación inclúe, ademais, a realización de diferentes exposicións itinerantes, ademais de asesoramento e documentación ambiental a través do préstamo de fondos bibliográficos do programa Maletas Viaxeiras e conversas naturalistas.

As Maletas Viaxeiras nacen co obxectivo de dar a coñecer e promover a cultura mariña e os océanos na comunidade educativa, coñecida como 'cultura oceánica', así como as actuais problemáticas ambientais que ameazan a súa conservación, como a emerxencia climática ou o liño mariño. Un recurso de apoio ao traballo nas aulas, co fin de fomentar a reflexión e as actitudes e comportamentos positivos cara a conservación dos océanos.

Por último, as conversas naturalistas preséntanse como un espazo de introdución ao mundo natural a través da experiencia de expertos que, co apoio de libros existentes no centro de documentación ambiental, achegarán ao público asistente a determinadas disciplinas como a ornitoloxía, a botánica ou a micoloxía.