O Plan Único da Deputación prevé destinar 661.811,96 € ao Concello de Toques
Este importe inclúe o investimento da fase inicial e o adicional cuxas partidas se aprobaron no último pleno da entidade provincial
A deputada de Plans provinciais, Cristina García, estivo no municipio acompañada do deputado Xosé Penas, onde presentou os datos do Plan Único e visitou as obras do camiño de Montelen a Prados
O concello de Toques acolleu a visita da deputada de Plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, e o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, que se reuniron co alcalde, José Ángel Penas, para abordar os investimentos do Plan Único no municipio.
En total, a Deputación prevé investir 612.036,42 € ao longo deste ano 2024 no concello de Toques. Unha cantidade que inclúe o importe da fase inicial (359.094,98 €) e o das fases adicionais que se prevé executar neste exercicio (302.716,98 €) . Este importe forma parte do total destinado aos concellos da montaña (Arzúa, Boimorto, Melide, Santiso e Toques), que se agarda que chegue aos 5.208.537,36 €.
Os deputados aproveitaron para visitar, ademais, as obras do camiño de Montelen a Prados, financiadas co Plan Único da Deputación. "Esta ferramenta de financiamento das obras e servizos dos concellos da provincia permítelles aos gobernos municipais xestionar os recursos públicos con autonomía, en función das súas prioridades" apuntou a deputada.
"Obras como esta, que se levan a cabo grazas ao Plan Único, son un bo exemplo de como este plan contribúe a mellorar a calidade de vida da veciñanza, especialmente a dos concellos máis pequenos, onde o financiamento que reciben do Plan supón un gran impacto económico". "Ese é, precisamente", engadiu, "o obxectivo do Plan Único da Deputación da Coruña".