A exposición itinerante do XVIII Certame Isaac Díaz Pardo fai a súa primeira parada na Pobra do Caramiñal
Chegará este ano a outras nove localidades da provincia: Ames, Narón, Ortigueira, Culleredo, Noia, Outes, Ribeira, Porto do Son e Cee
Na inauguración da mostra, que poderá verse na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler ata o 28 de maio, participaron as deputadas Natividade González e Sol Agra e máis a concelleira local de Cultura, Patricia Lojo
A Casa da cultura Raquel Soler, da Pobra do Caramiñal, acolleu esta mañá a inauguración da exposición itinerante do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo, nun acto que presentaron as deputadas de Cultura, Natividade González, e de Lingua e Igualdade, Sol Agra, acompañadas pola concelleira local de Cultura, Patricia Lojo.
A mostra poderá visitarse ata o 28 de maio e logo continuará a súa itinerancia por outras nove localidades da provincia: O Milladoiro (na Casa da Cultura, do 30 de maio ao 18 de xuño), Narón (no Pazo da Cultura, do 20 de xuño ao 9 de xullo), Ortigueira (no Claustro do Concello, do 1 ao 20 de agosto), Culleredo (na Aula da Natureza, do 22 de agosto ao 10 de setembro), Noia (no Casino, do 12 de setembro ao 1 de outubro), Outes (na Casa da Cultura, do 3 ao 22 de outubro), Ribeira (no Centro Lustres Rivas, do 24 de outubro ao 12 de novembro), Porto do Son (na Casa da Cultura, do 14 de novembro ao 3 de decembro) e Cee (na Casa da Cultura, do 4 ao 19 de decembro).
A exposición exhibirá a obra gañadora do certame, erre melón, de Berio Molina, e estoutras once que concursaron e foron adquiridas para formar parte da colección da Deputación:
Autorretrato, de Enrique Lista.
Man under the shade, de Damián Ucieda Cortés.
#3, da serie Himno, de Juan López.
Escrito en las hojas, 11, de Verónica Vicente.
Testigos de confianza, de Rebeca Lar.
Historioporosis, de María X. Fernández.
Non só animal, de Alejandra Pombo Su.
Grafito sobre papel (II), de Cillas Rodríguez Bernal.
Horizonte/f3, de Juan Lesta.
Pulsaciones II (fragmentos 61, 62 e 63), de Ana Gesto.
Banle#03#, paisaxe tipográfico, de Andrés Dearca.
Inclúe, ademais, outras cinco obras seleccionadas polo xurado:
Libri Consolationis as Patrem Meum, de Ana Pillado Vega.
Sin título. Da serie Deseños expandidos, de Héctor Francesch.
Plena, de Andrea Costas.
[Drawing Machine] [...] with the Sound of its Own Making, de Marco Costa Moreira.
Tengo un sofá amarillo (que es lo que se lleva ahora), de María Meijide.
"O Certame de Arte Isaac Díaz Pardo", dixo Natividade González, "é non só nun dos premios máis importantes dos que convoca a Deputación da Coruña, senón un referente no apoio á creación artística en todo o país e mesmo alén do noso territorio, desde onde chegan cada ano propostas que prestixian este punto de encontro".
Para González, "a Cultura é un dereito, como xa vén demostrando o noso departamento desde hai anos. E é un dereito accesible en todos os concellos e para todas as persoas; por iso esta exposición terá de novo carácter itinerante e poderá verse, ao longo de 2024, en Ames, Cee, Culleredo, Narón, Noia, Ortigueira, Outes, Porto do Son e Ribeira, ademais de na Pobra".
A deputada de cultura, ademais, puxo en valor a Díaz Pardo, "unha figura titánica na cultura do noso país: pintor, ceramista, deseñador, editor, xornalista e escritor", e salientou a presenza de mulleres —10, de 17 artistas— "nunha exposición que recolle moitas das disciplinas da arte, coma a videocreación, as instalacións audiovisuais, a fotografía, a escultura ou o gravado".