Estás en:Novas

A Copa Deputación de Balonmán na Rúa chega esta fin de semana a Negreira

O torneo desenvólvese ata o domingo no Parque do Coto e continuará ata fianis de xuño nos concellos de Zas, Sada, Oroso, Cedeira e Ribeira

A Copa Deputación de Balonmán na Rúa chega esta fin de semana a Negreira

A pista de balommán instalada no Parque do Coto de Negreira acolle durante esta fin de semana os partidos da Copa 5x5 Deputación da Coruña, que pretende levar este deporte a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos dunha forma lúdica e divertida.

O evento, que se celebra en Negreira tras o seu paso pola cidade da Coruña, recalará nun total de sete concellos da provincia. Conta coa participación de máis de 1.600 deportistas e pretende achegar o deporte do balonmán a todos os públicos e favorecer a práctica desta disciplina deportiva.

Nos lugares seleccionados disporase unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.

A pista dispón de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas e nalgunhas sedes incluso un dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas son os protagonistas.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, participará o domingo no acto de entrega de medallas e trofeos aos gañadores do evento de Negreira. O circuíto continuará ata finais de xuño nos concellos de Zas, Sada, Oroso, Cedeira e Ribeira.