O concello de Cabanas prevé recibir 585.131,54 € do Plan Único da Deputación
Este importe inclúe o investimento da fase inicial e o adicional cuxas partidas se aprobaron no último pleno da entidade provincial
A deputada de plans provinciais, Cristina García, estivo no municipio presentando os datos do Plan Único e visitando a obra Rúa C na urbanización Los Sauces
A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey visitou o concello de Cabanas, onde se reuniu co alcalde, Fernando Couce, e presentou os investimentos do Plan Único da Deputación no municipio. Ademais, visitaron unha das obras financiadas con este plan no 2023, acompañados do portavoz do BNG, Iago Varela. Concretamente, estiveron na Rúa C da urbanización Los Sauces.
O concello de Cabanas recibirá, previsiblemente, un total de 585.131,54 € do Plan Único da Deputación durante o 2024. Un investimento que inclúe a cantidade da fase inicial (287.595,38 €) e das fases adicionais (297.536,15 €), e que forma parte do investimento destinado a toda a comarca do Eume, que inclúe os concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, As Pontes e Monfero, e que conta con chegar aos 5.051.907,00 € sumando os 2.549.545,49 € iniciais e os 2.502.361,51 € adicionais.
A deputada destacou o potencial do Plan Único, "para financiar, con total autonomía por parte dos concellos da provincia, as obras e servizos que consideren máis prioritarios". É o caso da Rúa C da urbanización Los Llanos, que visitou Cristina García co alcalde e o portavoz do BNG, "un exemplo de investimento da Deputación que mellora os servizos de Cabanas e, sobre todo, a vida da veciñanza".
"Ademais", engadiu, "nos concellos máis pequenos, como o de Cabanas, o Plan Único cobra especial importancia, xa que xera un gran impacto económico chegando, nalgúns casos, a representar ata o 30% do seu orzamento total".