Estás en:Novas

A Deputación homenaxea a Luísa Villalta cun “espectáculo de sensacións sonoras e visuais para transmitir o universo da artista”

A gala, conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás, inspirouse en A música reservada, o primeiro poemario publicado por Villalta, nas súas diferentes actuacións

Janet Novás; Mercedes Peón e Elena Vázquez Ledo; Hugo Gómez-Chao e Adriana Aranda; Eva Vieites; Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia protagonizaron esta homenaxe que xuntou poesía e música "para celebrar a esta artista tan completa e polifacética"

A Deputación homenaxea a Luísa Villalta cun “espectáculo de sensacións sonoras e visuais para transmitir o universo da artista”

Yolanda Castaño e Dores Tembrás

O Teatro Colón acolleu onte a gala das Letras Galegas, organizada pola área de lingua da Deputación, cunha homenaxe a Luísa Villalta a través dun espectáculo poético e musical inspirado en A Música Reservada, o seu primeiro poemario publicado. A deputada de lingua, Soledad Agra, abriu o evento, no que tiveron cabida diferentes disciplinas artísticas para conmemorar a obra e a figura de Luísa Villalta, "unha artista que cultivou múltiples artes e en todas elas destacou: violinista incríbel, poeta premiada, ensaísta, dramaturga, filóloga...".

Soledad Agra salientou tamén o feito de que Luísa Villalta "é unicamente a sexta muller homenaxeada nos 61 anos de historia do Día Das Letras Galegas", e rematou a súa intervención cunha invitación a "formar parte", parafraseando á homenaxeada.

As poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás foron as encargadas de conducir o acto, comezando cunha invitación a desfrutar "deste espectáculo de sensacións sonoras e visuais para transmitir o universo da artista" e deron paso, dende a poesía, a cada unha das actuacións, coa posterior revelación de que "imos contar, por primeira vez, a verdade".

Actuacións que comezaron coas oito mans e as voces de Lulavai, e continuaron coa performance de Eva Vieites, que apareceu por un lateral do patio de butacas para sorprender cunha voz cativadora expresando poesía e "verdade". Ao rematar, polo outro lateral chegaba a bailarina Janet Novás que, en palabras de Yolanda Castaño "tomou corpo e prodixio" para revelar un cúmulo de sensacións diversas e auténticas. Tras ela, os pulsos dos nenos e nenas da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia interpretaron unha sinfonía de Bach cos seus "violinos" e, despois, encheu o silencio do Colón a voz da soprano Adriana Aranda coa composición de Hugo Gómez-Chao. Pechou o acto Mercedes Peón, acompañada do violín de Elena Vázquez Ledo, cun espectáculo híbrido de voz, sons tradicionais galegos e as cordas do "violino".
A imaxe e o deseño de luces, de Xurxo Gómez-Chao e Dani Pais, respectivamente, tamén adquiriron unha nova dimensión, integrándose nesta gala multisensorial e performativa protagonizada pola obra e figura de Villalta.

Esta homenaxe forma parte de toda a programación que a entidade provincial levará a cabo no marco do Día das Letras Galegas, e que é "moi completa, como Luísa Villalta", apuntou a deputada de lingua, Soledad Agra. "Unha autora que se revela contra os ditados sociais impostos no seu nacemento: na lingua, na poesía, na música, no activismo social e tamén na militancia política".