Estás en:Novas

Jorge Valdano, Toni Nadal, Montse Tomé ou Gemma Mengual participarán no III Congreso Internacional de Adestradores e Adestradoras de Fútbol na Coruña

A deputada Yoya Neira destaca a importancia do fútbol na provincia da Coruña, con máis de 500 clubs de fútbol e fútbol sala, a metade dos existentes en toda Galicia

Neira destaca a presenza de figuras de referencia do deporte feminino como Montse Tomé, Claudia Pones, Gemma Mengual ou Teresa Portela

Jorge Valdano, Toni Nadal, Montse Tomé ou Gemma Mengual participarán no III Congreso Internacional de Adestradores e Adestradoras de Fútbol na Coruña

O Concello da Coruña acolleu hoxe a presentación do III Congreso Internacional de Adestradores e Adestradoras de Fútbol e Fútbol Sala 'O Camiño do Futgal' nun acto no que participou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a deputada delegada de Educación e Xuventude, Yoya Neira e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Tamén asistiron ao acto os padriños desta edición: Irene Ferreras, adestradora do Deportivo ABANCA, e Paulo Roberto, histórico xogador de fútbol sala.

"A Coruña é o gran referente de Galicia en deportes e parte dese logro é grazas ao noso tecido deportivo e, sobre todo, futbolístico", sinalou a alcaldesa, que destacou a capacidade da cidade para acoller grandes eventos internacionais como este congreso: "Un dos grandes logros destes últimos anos foi potenciar a nosa capacidade para ter, semana tras semana, eventos con milleiros de persoas na cidade, que benefician a diferentes sectores económicos".

A deputada provincial Yoya Neira destacou "o firme compromiso da Deputación co deporte" e destacou o apoio da institución provincial a eventos coma este, que reunirán a máis de 700 persoas nunha provincia "que conta con máis de 500 clubs de fútbol, o 50% do total dos que existen en Galicia".

Yoya Neira destacou tamén a crecente importancia do fútbol feminino, con máis de 9.000 deportistas federadas en Galicia, catro veces máis das que había hai apenas un lustro. "Contar neste Congreso cun relator de referencia como as seleccionadoras nacionais Montse Tomé e Claudia Pones axuda moito nesa labora de divulgación e de xeración de figuras referenciais no deporte feminino porque os seus éxitos estimulan e serven de exemplo para as novas xeracións", afirmou.

O exfutbolista, exadestrador e comentarista Jorge Valdano será un dos grandes relatores deste congreso, que contará con máis de 20 profesionais do mundo do fútbol e doutros ámbitos deportivos. O III Congreso Internacional de Adestradores de Fútbol e Fútbol Sala 'O Camiño do Futgal' abordará diferentes perspectivas, enfoques e metodoloxías para a preparación e adestramento de equipos profesionais. Entre os relatores tamén destacan o adestrador profesional de tenis Toni Nadal, o psicólogo deportivo Pep Marí, a adestradora de natación sincronizada Gemma Mengual e a piragüista olímpica, Teresa Portela.

No que respecta ao fútbol, os asistentes a 'O Camiño do Futgal' poderán aprender da experiencia de Julen Lopetegui, Montse Tomé, Pacheta, Chema Monzón, Sergio Navarro, Roberto Olabe, Rubén Albés e Aniello Porcelli. Pola parte do fútbol sala, os protagonistas serán Marquinhos, Fede Vidal, José Tirado, Max Bellarte, Clàudia Pons e Matías Lucuix. O congreso estará conducido polo humorista Leo Harlem.
As persoas interesadas en asistir a esta terceira edición do congreso, con prazas limitadas, aínda poden inscribirse a través da web habilitada para a ocasión: https://ocaminodofutgal.com. Ademais, cómpre subliñar que a participación no evento acreditará 15 horas na reavaliación da licenza de adestrador.