Estás en:Novas

A Copa Deputación de Balonmán na Rúa chega esta fin de semana a Zas

O torneo desenvólvese ata o domingo na Praza Jorge Mira e continuará ata finais de xuño nos concellos de Oroso, Cedeira e Ribeira

En Zas participan 18 equipos e preto dun centenar de nenos e nenas

A Copa Deputación de Balonmán na Rúa chega esta fin de semana a Zas

A pista de balonmán instalada na praza Jorge Mira de Baio (Zas) acolle durante esta fin se semana os partidos da Copa 5x5 Deputación da Coruña, que pretende levar este deporte a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos dunha forma lúdica e divertida.

O evento, que se celebra en Zas tras o seu paso pola cidade da Coruña e os concellos de Negreira e Sada, recalará nun total de sete concellos da provincia. O circuíto contará coa participación de máis de 1.600 deportistas e pretende achegar o deporte do balonmán a todos os públicos e favorecer a práctica desta disciplina deportiva.

No caso de Zas, participan un total de 18 equipos e preto dun centenar de nenos e nenas. O sábado haberá sesión de portas abertas de 10 a 12 para que a rapazada poda iniciarse no deporte do balonmán.

Na praza Jorge Mira de Baio está xa instalada unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.

A pista dispón de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas e nalgunhas sedes incluso un dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas son os protagonistas.

O deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, participará o domingo 26 de maio, ás 14.00 horas, no acto de entrega de medallas e trofeos aos gañadores do evento de Zas. O circuíto continuará ata finais de xuño nos concellos de Oroso, Cedeira e Ribeira.