Estás en:Novas

A Deputación apoia con 451.900 euros a celebración de 19 grandes eventos deportivos na provincia da Coruña

O Pantín Classic, a Samurai Xtreme Race do lago das Pontes, o campionato de España de Enduro en Santiago, o Gran Premio Cantones de marcha atlética ou os Rallyes de Ferrol, Coruña, Noia e Narón entre os eventos que apoia este ano a Deputación

A Deputación apoia con 451.900 euros a celebración de 19 grandes eventos deportivos na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional de 19 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades deportivas da provincia que levan a cabo distintos eventos deportivos de singular interese nos concellos da provincia durante o ano 2024.

As achegas provinciais, incluídas nunha das múltiples liñas de subvencións ao deporte que impulsa cada ano a Deputación, supoñen investimento global de 451.900 euros, que teñen como obxectivo "apoiar a celebración de grandes eventos deportivos, que reúnen a deportistas de gran nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da nosa provincia a nivel nacional e internacional ", segundo destacou o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, que subliñou que a Deputación destina este ano 4,5 millóns de euros en diferentes liñas de axudas para impulsar o deporte coruñés, desde as categorías de base a grandes eventos coma estes.

Entre as axudas concedidas na convocatoria inclúense probas deportivas de renome como o Pantín Classic Galicia Pro, proba da World Surf League; os campionatos de Autocross de Carballo e Arteixo, puntuables para o campionato de España; o Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones da Coruña, o campionato de España de Enduro en Santiago de Compostela, a Samurai Xtreme Race do lago das Pontes, os rallyes de Ferrol, A Coruña e Narón e Noia, Equiocio en Ferrol ou a IX Copa de España de natación en augas abertas RFEN Ézaro.

As axudas, que oscilan entre os 13.500 e os 36.000 euros, poden consultarse aquí:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/05/24/2024_0000003527.html