Estás en:Novas

Formoso celebra un ano da declaración como Xeoparque do Cabo Ortegal, unha “oportunidade para desenvolver un modelo de turismo sustentable” na provincia

No acto do primeiro aniversario, o presidente provincial puxo como exemplo deste potencial o investimento de 1,5 millóns a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, concedido polo Goberno de España e que xa está en execución

O dirixente destacou a "unión" entre entidades para conseguir un recoñecemento histórico e apelou a continuar nese "traballo conxunto" coa mesma "determinación" para consolidar o éxito

O espazo é un dos 195 do mundo que ten este recoñecemento polo seu patrimonio paisaxístico e xeolóxico único

Formoso celebra un ano da declaración como Xeoparque do Cabo Ortegal, unha “oportunidade para desenvolver un modelo de turismo sustentable” na provincia

O Cabo Ortegal celebra un ano da súa declaración como Xeoparque Mundial da UNESCO, un fito histórico que contou co impulso da Deputación da Coruña. A institución provincial deu un importante apoio á candidatura impulsada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e na actualidade segue traballando para converter o espazo nunha referencia internacional no seu ámbito.

Para conmemorar este logro transcendental para a comarca e a provincia, a Casa da Cultura de Valdoviño acolleu o acto de conmemoración deste primeiro aniversario. No evento, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a "unión" entre entidades para conseguir a validación por parte da UNESCO e converterse nun dos 195 lugares do mundo que ten este recoñecemento polo seu patrimonio paisaxístico e patrimonial único.

O presidente da Deputación apelou a ese "traballo conxunto" como a fórmula do éxito no pasado, que comezou no 2020 cun primeiro paso "decisivo" como foi a creación da Asociación de Concellos para a xestión do Cabo Ortegal, unha unión que contou desde o primeiro momento co apoio da institución provincial para reforzar a proposta. Formoso realizou un repaso polas accións executadas, as dificultades e a reformulación da candidatura ata que foi avaliada polos auditores da UNESCO e mesmo visitada por directores científicos doutros Xeoparques. "Somos xente teimuda e acabámolo conseguindo", expresou.

Ademais, recalcou que eses lazos tamén debe ser a receita para o futuro porque é preciso ter "a mesma unidade e determinación" para consolidar o éxito: "Esta non é unha distinción permanente, senón que hai que traballar constantemente para mantela".

Neste sentido, o mandatario lembrou que cada catro anos é preciso pasar de novo por unha auditoría similar á superada en 2023: "Trátase dun exame se cabe incluso máis exhaustivo que o primeiro, na que os técnicos da UNESCO comproban sobre o terreo que se están cumprindo os obxectivos de desenvolvemento, de conservación, educativos, científicos, de dinamización territorial ou de comunicación".

"Efectivamente, estanse a obter resultados", sinalou Valentín González Formoso, que explicou que o Xeoparque supón "novas oportunidades para desenvolver un modelo de turismo sustentable". Como boa proba diso citou a concesión por parte do Goberno de España, dun dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Dita concesión conta cun investimento de 1,5 millóns de euros que xa se está executando para a posta en marcha dun produto turístico especializado, baseado no xeoturismo como fío condutor.

Un dos cinco PSTD liderados pola Deputación

Así, o PSTD do Xeoparque de Ortegal é un dos cinco Plans de Sutentabilidade Turística que lidera a Deputación da Coruña na provincia e que benefician a 25 concellos. Deste xeito, lévase a cabo un investimento global de máis de 8 millóns de euros co que se incide en aspectos relevantes como o ambiental, a recuperación do patrimonio histórico, a gastronomía ou a recuperación de infrestruturas tradicionais que estaban en desuso.

Máis aló do Xeoparque, outros PSTD son a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que constitúe a maior de Galicia, ou o proxecto para a recuperación das baterías militares da costa de Ferrolterra. O traballo previo da Deputación da Coruña foi fundamental para impulsar estas iniciativas e acadar estas concesións. Sen ese traballo previo, non disporíamos hoxe deses 8 millóns de euros do Goberno para plans de sustentabilidade turística", aclarou Formoso.

A riqueza dun espazo único

O Xeoparque Cabo Ortegal é un territorio cunha identidade natural singular, xa que conta cunha riqueza xeolóxica indiscutible. O espazo de 799 quilómetros cadrados de superficie terrestre e marítima conta con rochas en superficie de máis de 490 millóns de anos e materiais que habitualmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade. É dicir, algo excepcional e que se dá en moi poucos lugares do noso planeta.

A este extraordinario patrimonio xeolóxico se lle suma un patrimonio natural e paisaxístico con lugares referenciais nos sete concellos e unha ampla riqueza cultural material e inmaterial.